O alcalde de Gondomar Paco Ferreira presentou na mañá deste martes a nova marca “Gondomar”, que está conformada por un logotipo cunha tipografía deseñada especificamente para o mesmo e cun símbolo que representa as dez parroquias do municipio. O rexedor na presentación destacou que “as cores utilizadas corresponden ás que aparecen na nosa bandeira e deste xeito mantemos a imaxe institucional do Concello pero achegando un distintivo propio máis moderno e fresco”.
O símbolo desta nova marca se expresa mediante unha estrutura xeométrica, simplificada, lexible e estable, que aporta unidade visual e personalidade ao conxunto. Desde onte esta nova imaxe corporativa irase introducindo paulatinamente en todos os medios oficiais de comunicación do Concello, páxina web e redes sociais, e nunha segunda fase durante as próximas semanas en todas as dependencias municipais.

