O próximo venres 8 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Internacional da Muller, e o Concello de Gondomar ten preparada unha xornada organizada xunto ao alumnado do IES Auga da Laxe. Será no Pavillón Municipal Bernabé Costas a partir das 11:30 horas, onde se lerá un manifesto en apoio á igualdade entre homes e mulleres, e denunciando as conductas machistas. Ao rematar a lectura haberá diferentes actuacións teatrais e unha peza musical coa igualdade como fío condutor, protagonizadas polo propio alumnado.
O alcalde Paco Ferreira e a concelleira de Igualdade Nuria Lameiro aproveitaron a presentación deste acto para facer un balance das actividades levadas a cabo polo Concello en materia de igualdade ao longo de todo o ano. O alcalde fixo un repaso a distintas accións “que converteron nos últimos anos a Gondomar nun referente nacional na loita pola igualdade”. O rexedor destacou entre outras a edición dun calendario para dar visibilidadade a mulleres gondomareñas que “son referente en diferentes ámbitos e que son un exemplo de loita polos dereitos das mulleres”. Tamén destacou distintos cursos e charlas coa igualdade como temática, como unha charla sobre a igualdade no deporte ou un curso para mellorar as competencias dixitais.
Fixéronse ademais distintas campañas de sensibilización en centros educativos como a denominada “Circo na Casa” e outras campañas como “Agresión Off”, “Violencia Zero” ou a “Campaña de Corresponsabilidade”. Outra das accións destacadas que se levaron a cabo durante o pasado ano foi a proxección itinerante nas parroquias de Gondomar do documental “Eu tamén necesito amar”, onde as protagonistas son mulleres que contan as súas experiencias vitais e a súa relación coa sexualidade. O Concello de Gondomar, na súa loita pola igualdade real entre homes e mulleres, aprobou recentemente, e por quinto ano consecutivo, o seu Plan de Igualdade.
Ademais, Gondomar conta cun Centro de Información á Muller, que ofrece servizos e apoio a mulleres en xeral e particularmente a mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade.


