O Concello de Baiona organiza, a través da Concellería de Igualdade, a actividade “Orientaventura pola Igualdade”, enmarcada na programación “Baiona Lila 8M” que se desenvolve no mes de marzo. Todas aquelas persoas interesadas en participar deberán presentar no rexistro do Concello de Baiona (horario de 9:00 a 14:00 horas) ou a través da sede electrónica da páxina web municipal, a documentación correspondente. A data límite de inscrición é o mércores 20 de marzo ás 14:00 horas.
O obxectivo da actividade é promover coñecementos e valores sobre igualdade e violencia de xénero e fomentar o coñecemento da contorna próxima: unha actividade que combina a aprendizaxe e traballo colaborativo, xa que se necesita o traballo de todo o equipo para completar a proba con éxito. A actividade está aberta ao público xeral e pensada principalmente para familias con nenos e nenas con distancias a percorrer que roldan os 5-7 km e un mapa topográfico de fácil interpretación.
Trátase dunha acción que se desenvolve en equipos e deberán ter un mínimo de dous integrantes e un máximo de seis, establecéndose dúas categorías: pequenos castores, na que os equipos deberán contar con, polo menos, unha das persoas integrantes menor de 12 anos; e explorers, na que todos os integrantes do equipo deberán ser maiores de 12 anos. En todos os equipos deberá participar unha persoa maior de idade. O número máximo de persoas participantes será de 150.
A proba ten unha duración de 2,5 horas, e cada equipo decide en todo momento que puntos visita e como se despraza (andando ou correndo). Ademais, non é obrigatoria a consecución de todas as balizas. Para máis información poden contactar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas no teléfono 986 35 75 52 ou solicitar información na dirección electrónica administrativo.cim@baiona.gal.

