Sin categoría

Vegalsa-Eroski arranca a VIII edición do seu Zampakilos Solidario

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski levará a cabo entre o venres 8 e o sábado 9 de marzo a oitava edición do seu Zampakilos Solidario. Durante ambas as dúas xornadas estará activa -en todas as tendas das súas insignias hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center, Eroski City e Autoservizos Familia- a posibilidade de realizar doazóns a favor dos Bancos de Alimentos de Galicia, Asturias e Castela e León a través de dúas modalidades de doazón: de produto, en tenda, e económica, ao paso por caixa.

Todos os alimentos doados serán entregados aos Bancos de Alimentos e as achegas económicas sumaranse creándose unha liña de crédito para cada entidade, que poderán trocar ao longo do ano en función das súas necesidades. Ademais, ao total recadado polos seus clientes, a compañía sumará unha achega propia adicional.

Quilos de solidariedade

Esta colaboración é froito do acordo formalizado entre Vegalsa-Eroski e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Durante a VII edición do Zampakilos Solidario, en 2023, Vegalsa-Eroski e os seus clientes recadaron máis de 90.000 quilos de produtos e 15.289 euros a favor de distintos bancos de alimentos de Galicia, Asturias e Castela e León. “Queremos agradecer a implicación de todas as persoas que fan posible, ano tras ano, esta campaña. Unha campaña na que se respira ambiente de solidariedade e cooperación entre os nosos clientes, voluntarios e equipos de tenda e que nos permitirá un ano máis seguir axudando ás familias que máis o necesitan”, explica a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.

A través de iniciativas como o Zampakilos Solidario e a Gran Recollida de Alimentos de FESBAL, a compañía contribúe á consecución dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 prioritarios, o número 2 (Fame Cero), abastecendo de recursos alimentarios ás entidades sociais coas que colabora periodicamente. Para iso conta ademais co seu programa “Desenvolvemento Sostible. Desperdicio Cero” que lle permite, entre outras accións, doar a entidades sociais alimentos frescos e envasados próximos á súa data de consumo preferente pero aínda aptos con total seguridade para evitar o desperdicio de alimentos.