O Concello de Nigrán volve a pospoñer o seu tradicional enterro do kiko previsto para este sábado 2 de marzo ante a previsión de choiva. O evento máis característico do Entroido nigranés, realizado grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor, xa non se puido celebrar pola mesma razón o domingo 25 de febreiro. O Concello anunciará nos vindeiros días a nova data agardando ao parte meteorolóxico.
Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que esta ave representa á entidade). Ao longo dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento distintivo do Entroido nigranés ao incluír o Concello hai oito anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois (nesta edición os bois non poderán estar).

