O Concello de Baiona e a Fundación Amigos de Galicia clausuraron con éxito de participación o programa “Mellor acompañados”, realizado co obxectivo de fomentar a autonomía e a independencia das persoas maiores do municipio no uso do seu teléfono. A concelleira de Política Social, Ana Iglesias Rodríguez, acudiu ao acto de clausura para coñecer as impresións das persoas participantes, que lle transmitiron a súa satisfacción por todo o aprendido durante as xornadas.
O programa incluíu catro formacións de dúas horas e media sobre as máquinas de quendas, a aplicación móbil do Sergas, o caixeiro automático ou o teléfono móbil. O programa desenvolveuse os martes de febreiro (6, 13, 20 e 27 de febreiro) de 10:00 a 12:30 horas no Centro Multiusos Ángel Bedriñana situado na Rúa Carabela Pinta e foi subvencionado pola Xunta de Galicia.
A Concellería de Política Social do Concello de Baiona, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, puxo en marcha esta iniciativa que tivo o obxectivo de proporcionar formación dixital e atención psicolóxica ás persoas maiores en situación de soidade, apoiando o seu envellecemento activo, así como a súa socialización. A finalidade foi fomentar a autonomía e a independencia das persoas maiores.
O Concello de Baiona ten un compromiso coa formación da xente maior no uso da tecnoloxía que usamos no día a día. Un dos obxectivos prioritarios das políticas de promoción das persoas maiores da administración local é reducir a fenda dixital deste colectivo, obxectivo intimamente ligado co empoderamento das persoas maiores. O Concello vai seguir promovendo a formación e o coñecemento do uso das tecnoloxías nas persoas maiores para que estas poidan comunicarse e relacionarse virtualmente.

