Sin categoría

O PP de Nigrán denuncia “o deplorable estado” do complexo deportivo Dunas de Gaifar

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia o calamitoso estado do complexo deportivo Dunas de Gaifar, consecuencia do nulo mantemento do mesmo. “Como vén sendo habitual coa corporación socialista de Nigrán, o alcalde Juan González anunciou, con toda solemnidade e cun notable eco en diversos medios de comunicación, a futura construción dun novo polideportivo no polígono Porto do Molle, precisamente no terreo no que se sitúa a errada pista de atletismo, cuxa inauguración anunciou hai dous anos o actual rexedor e atópase paralizada pola renuncia da empresa concesionaria”.

Pino recalca o total apoio e compromiso por parte do Partido Popular de Nigrán cara ás políticas de fomento do deporte e creación de novas instalacións para tal fin. “Con todo, ao longo dos últimos anos, máis aló de fotos e anuncios, a xestión do actual goberno municipal mostrouse sumamente neglixente, sendo este xa non só incapaz de finalizar as obras anunciadas (como a citada pista de atletismo ou o novo skatepark de Porto do Molle), senón que non consegue proporcionar un axeitado mantemento ás xa existentes, como o complexo deportivo Dunas de Gaifar de Panxón”.

“Ditas instalacións atópanse nun estado deplorable (firme das pistas gretado, vexetación invasiva, mobiliario deportivo con numerosos danos, redes exteriores caídas, etc), o cal se viu agravado coas últimas inclemencias meteorolóxicas. A pesar das numerosas queixas dos veciños e veciñas do municipio, o goberno municipal mostrou unha actitude de total deixamento ante a situación dun complexo utilizado diariamente por decenas de persoas”, lamenta Pino.

Por todo o exposto, desde o Partido Popular de Nigrán ínstase o goberno municipal a levar a cabo unha política responsable relativa ao deporte, centrándose no correcto mantemento e mellora das instalacións existentes no municipio. “Unha vez alcanzada esta meta, terá o total apoio do grupo municipal popular para a construción de novas instalacións deportivas”.