Os temporais de finais do ano 2022 esnaquizaron, entre outras infraestruturas, unha parte do paseo fluvial de Baredo. Concretamente uns 50 metros aproximadamente do tramo que pasa sobre o Río Fraga. En febreiro do ano 2023 (apenas 2 meses deste incidente) o PP na oposición “urxía ao tripartito a deixar as escusas económicas e arranxar o paseo”. Así, dicían que a problemática do custe de reparación cuantificada en 100.000 € non era verdade xa que o PP estimaba que o custe real da reparación era duns 20.000 € como máximo.
“Este pasado 11 de febreiro de 2024, o actual goberno do PP anunciaba de xeito pomposo a adxudicación das obras para restaurar o paseo de Baredo tras un ano inoperativo por un importe de 233.000 €. O PP leva 8 meses gobernando o Concello de Baiona e parece que as reclamacións de extrema urxencia para reparar o paseo fluvial de Baredo quedaron no esquecemento e a denuncia do malgasto dos 100.000 € orzamentados cando aseguraban que o custe era de 20.000 € tan só fai un ano, convértense agora en 233.000 € que son un investimento necesario”, sinalan desde o Bloque Nacionalista Galego.
Para os nacionalistas, esta dobre vara de medir deixa ás claras o tipo de políticas e de oposición que leva a cabo o Partido Popular de Baiona “o cal, por certo, utiliza constantemente o de que ‘non hai diñeiro’, algo que na oposición chamábanlle escusas”.

