Sin categoría

O Vincios segue na boa senda

Tras a derrota no derbi galego ante o Arteal de Santiago por 4-0, co debut na máxima categoría do tenis de mesa español do canteirán Mario Cebreiro, o Vincios venceu onte por 4-1 no seu desprazamento a terras catalás ao equipo local A Escala, partido correspondente á xornada 16, aprazada pola convocatoria coa selección nacional do xogador catalán Joan Masip.

O partido non tivo moito xogo pois o equipo gondomareño foi moi superior ao catalán, conseguindo os seus puntos cunha vitoria de Ievgen Pryshchepa, outra de Moisés Álvarez e dúas de Diogo Silva, todas por 3-0. O punto para A Escala fíxoo o xogador Diogo Pinho ao vencer a Moisés Álvarez por 3-2, nun disputado partido que rematou con 12-10 no último set a favor do xogador do equipo catalán. Tras esta vitoria o Vincios segue en postos europeos, na quinta praza da clasificación.

Hoxe venres, ás 19:00 horas, celebrarase en Gondomar un interesante encontro correspondente á xornada 20 entre o Vincios e o equipo valencián C. T. T. Mediterráneo-Valencia.