Sin categoría

Nigrán ofrece unha decena de roteiros guiados polo municipio e excursións culturais fóra

O Concello de Nigrán súmase hoxe á conmemoración do Día Internacional do Guía Turístico coa publicación das vindeiras dez iniciativas ao respecto de aquí ao mes de abril. Así, a primeira delas será este sábado 24 de febreiro baixo a temática “Roteiro dos Pazos” (inicio 10:00 horas desde a Casa do Concello), unha saída encadrada no programa de paseos saudables iniciado no 2022 polo Concello e que consiste en camiñadas guiadas de dificultade baixa por lugares do municipio cun especial atractivo cultural ou natural. Os interesados deben inscribirse a través do mail oficinaturismo@nigran.org. Estes paseos seguirán os sábados 2 e 3 de marzo e 13 e 27 de abril (informarase previamente de cadansúa temática e abrirase un prazo de inscrición a través do mesmo correo). Igualmente, o Concello festexará o Día do Libro o 23 de abril co xa coñecido roteiro literario “A Praia dos Afogados”, baseado nas localizacións en Nigrán da famosa novela negra de Domingo Villar.

Igualmente, ante o éxito das edicións anteriores, repetiranse as andainas de maior dificultade destinadas a persoas en perfecto estado de forma física. Así, o sábado 6 de abril organízase un novo roteiro de 6 km polas Aldeas do Xisto, no centro de Portugal, na Serra da Lousa, un dos enclaves máis turísticos e singulares do país luso. Igualmente, o Concello repetirá entre o 15 e 16 de marzo a andaina polo “Camiño do Ferro” de Salamanca, un percorrido de 17 quilómetros e aproximadamente 5 horas de duración que transcorre por un tramo de liña férrea pechada ao tráfico e acondicionada para o sendeirismo, atravesando diferentes túneles e pontes, para apreciar esta obra da enxeñería do século XIX.

Igualmente, o Concello ofrecerá unha excursión o 20 de abril ao Pazo Mariñán (Bergondo) e ás localidades de Sada e Betanzos, todas na provincia de A Coruña e con gran interese patrimonial e paisaxístico.

Para todas estas actividades establecerase 10 días antes un período de inscrición do que se informará previamente. Para resolver dúbidas ou máis cuestións: oficinaturismo@nigran.org / 699 859 418.