Sin categoría

A Xunta reforza a estrutura da fachada do pavillón deportivo do CPI Cova Terreña

O pavillón deportivo do CPI de Cova Terreña está a ser obxecto de obras para o reforzo estrutural dos panos da fachada. Os traballos que se están executando trátanse da colocación de perfís metálicos de L100.10 ancorados aos piares existentes.

A dirección do centro educativo vén realizando esta petición desde hai anos. A mediados do mes de novembro puxo en coñecemento do novo equipo de goberno da grave problemática. Desde a Concellería de Educación e o departamento de urbanismo municipal actuouse rapidamente enviando á arquitecta municipal para que redactase o correspondente informe, que foi tramitado para o seu envío urxente á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra.

O pavillón deportivo do CPI de Cova Terreña é utilizado pola comunidade educativa pero tamén por distintos clubs deportivos baioneses. As instalacións do pavillón deportivo do Colexio Cova Terreña permaneceron pechadas mentres se realizaron as revisións pertinentes por parte dos servizos técnicos e a actividade dos escolares e dos clubs deportivos tivo que ser derivada ao Pavillón Municipal de Deportes.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, sinala que “se trata dunhas obras moi necesarias e demandadas pola comunidade educativa do centro. O seu deficiente estado de conservación constituía un perigo para o alumnado e os usuarios das instalacións, ata o punto que se decidiu pechar o pavillón. As obras, xa iniciadas, teñen un custo de 20.000 euros que asume a Xunta de Galicia. Os nenos e nenas do CPI de Cova Terreña e os deportistas dos distintos clubs de Baiona poderán utilizar nos próximos días este espazo do colexio nas mellores condicións de seguridade posibles tras a realización destas importantes actuacións na edificación”.

O xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, achegouse ata o colexio para supervisar estas obras xunto coa concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, e a directora do CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro.