O Concello de Nigrán celebrou este venres o seu tradicional concurso de comparsas co percorrido tradicional por Rosalía de Castro desde a rúa Telleira á Casa Consistorial, onde estaba situado o xurado. Finalmente foron 14 as agrupacións de toda a comarca con máis de 1.000 persoas en total as que desfilaron acompañadas como é habitual pola batucada de Bate no Cobre. O dúo musical “Copa Rota” actuou durante a deliberación do xurado, que tivo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. O evento estivo presentado polo mago Rey Midas.
O primeiro premio, de 700 euros, foi para “Terra dos mil segredos” da Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo (Salceda de Caselas). “Bauhaus, fantasía racional” da Asociación Carnavales de Mañufe (Gondomar) levou o segundo premio, de 600 euros. O terceiro premio, de 500 euros, foi para “Pop Art Andy” da Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña (Vigo). A Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño logrou o cuarto premio, de 400 euros, con “Fantasía da Flor de Loto”. En quinto posto, cun premio de 300 euros, “Super Pereiras World” da Asociación Veciñal A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Finalmente, o sexto premio, de 250 euros, levouno “Aí veñen as bruxas” de LDanzia (Gondomar).
As seguintes comparsas participantes recibiron 100 euros. “E si chove que chova” da Asociación Os Festeiros de Bembrive (Vigo); “Os Camaleónicos” do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor (Nigrán); “A maxia das pompas de xabón” da Asociación Amigos do Carnaval (Salceda de Caselas); “Paraíso tropical” da Asociación Os Fragafestas de Vincios (Gondomar); “Bolboreta’s Choooow” do Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar); “Aroma habanero” da Asociación Comparsa Os Furafollas (Vigo); “A fábrica das emocións” da Asociación Politicamente Incorrectos (Gondomar); e “O bingo” da Asociación de Entroido Os Imprescindibles (Vigo).
O entroido nigranés finalizará a tarde do domingo 25 de febreiro co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá ás 17:00 horas desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo a fama na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 9 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.

