Nigrán adiantará o importe da subvención a cemiterios veciñais e comunidades de augas

O Concello de Nigrán adiantará o importe das primeiras subvencións municipais a cemiterios veciñais e comunidades de augas co obxectivo de que poidan levar a cabo as respectivas obras de mellora sen ter que desembolsar previamente os cartos. Esta novidade que sae publicada no BOPPO do 13 de febreiro se produce despois de que os propietarios e comuneiros lle transmitisen ao goberno local nunha reunión a imposibilidade de reunir os cartos para facer as obras e, tras xustificalas, cobrar a axuda. Poderán presentarse as solicitudes dende hoxe 14 de febreiro a través da sede electrónica do concello (nigran.sedeelectronica.gal).

“Quixemos emendar esta situación para que realmente poidan mellorar as súas infraestruturas, que é o obxectivo primordial, por iso cambiamos este aspecto das bases, para que poidan volver solicitar as subvencións con esta novidade”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta liña de axudas pioneira no Concello. En ambos casos son por concorrencia competitiva e o límite subvencionable é de 10.000 € por entidade, sendo 5 os cemiterios que poden optar a elas (Camos, Chandebrito, San Pedro, Priegue e Panxón) e 6 traídas de augas de Camos e Chandebrito (únicas parroquias con estas organizacións que reúnen a unhas 200 familias).

“Estas axudas nacen do contacto directo coa veciñanza e atender as súas demandas. Os cemiterios privados son imprescindibles porque a alternativa municipal (Ceán e Parada) ou da propia Igrexa é totalmente insuficiente para a poboación de Nigrán. Por outra banda, as comunidades de augas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que, en ambos casos, é deber do Concello axudar a manter as infraestruturas en perfecto estado”, considera o alcalde, Juan González.

Os cemiterios poderán incluír nestas subvencións calquera obra que axude a mellorar a infraestrutura (como poden ser de accesibilidade) ou incluso en materia sanitaria; o mesmo as comunidades de augas, que poderán investilo en calquera mellora da instalación, así como en axudas para a análise da auga ou potabilidade da mesma. As bases para subvencionar obras nos cemiterios privados teñen por obxectivo mellorar as infraestruturas existentes e garantir o cumprimento da normativa en materia sanitaria e prestar un servizo de maior calidade aos veciños. As bases para subvencionar as comunidades de augas teñen por obxecto mellorar as infraestruturas existentes e adaptalas á normativa vixente e ao análise da potabilidade da auga.

As comunidades de augas xa foron subvencionadas polo Concello de Nigrán nos anos 2022 e 2023 ao dar un servizo indispensable para os veciños das parroquias de Camos e Chandebrito. Pola contra é a primeira vez que o Concello vai axudar aos propietarios dos cemiterios a manter espazos tan significativos e de tanta importancia para a parroquia, “as axudas a comunidades de propietarios de cemiterios xurdiu dunha reunión coa comunidade de propietarios de Panxón que se vían incapaces polos seus medios de manter o camposanto da parroquia polo que, dende o Concello de Nigrán, queremos agradecer a estes veciños o seu compromiso e seu esforzo por conservar un ben tan preciado por toda a veciñanza e que finalmente servirá para todos os de Nigrán”, declara o Alcalde Juan González.