O Concello de Nigrán celebra este venres 16 de febreiro desde as 20:30 horas o seu tradicional concurso de comparsas con récord de 19 agrupacións de toda a comarca que suman 1.500 participantes. O evento estará presentado polo mago Rey Midas e contará coa animación de rúa a cargo da batucada “Bate no Cobre” na apertura do desfile e a actuación do dúo musical “Copa Rota” durante a deliberación do Xurado.
O concurso discorrerá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ. A única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con 81 integrantes, Carnavales de Mañufe, Os Imprescindibles de Vigo, Politicamente Incorrectos de Gondomar, Os da Casa de Vigo, O Mellor de Cada Casa de Vincios, Luces de Tomiño, Fragafestas de Gondomar, Furafollas de Vigo, Valladares, Lavadores, Borralliño de Salceda, Festeiros de Bembrive, LDanzia de Gondomar, Pereiras de Mos, Estrelas da Noite de Tomiño, Merced de Chaín, Brincadeiros de Ponteareas e Amigos do Carnaval de Salceda de Caselas cun total de 1.500 comparseiros que percorrerán as rúas de Nigrán.
O entroido nigranés rematará a tarde do domingo 25 de febreiro co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá ás 17:00 horas desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 9 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.

