Sin categoría

O Espazo Hylica de Sabarís presenta a 2ª edición do encontro de artesanía

O Espazo Hylica de Sabarís, dedicado á divulgación de técnicas antigas artesanais, organiza en colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia e a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, a 2ª edición do encontro Menestralía en Hylica do 29 de febreiro ao 24 de marzo de 2024, enfocado este ano aos oficios artesanais relacionados co papel.

Menestralía en Hylica é un encontro de artesanía, cuxo obxectivo principal é a divulgación da artesanía tradicional enfocada cara a un público que sente curiosidade por descubrir ou volver atoparse co saber-facer dos artesáns, coñecer os seus xestos e a maneira de traballar a materia coas súas mans.

Desenvolveranse varios obradoiros dedicados aos oficios artesáns relacionados co papel, como a elaboración de papel a partir de fibras vexetais, técnicas como o marmoleado, itajime ou os papeis ao engrudo, flores de papel, origami, caligrafía carolina, iluminación de manuscritos etc.

Dentro do programa con entrada gratuíta previa inscrición, terá lugar na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a conferencia: O oficio de “formaire”, moldes para a elaboración do papel artesanal, impartida por Serge Pirard (Bélxica).

Todas estas actividades estarán dirixidas ao público interesado na artesanía e o traballo do papel, que poderá participar calquera fin de semana do mes de marzo previa inscrición, xa que as prazas son limitadas.

Espazo Hylica situado en Sabarís (Baiona), abriu as súas portas en novembro de 2021. Este espazo é o froito de dous artesáns, Natalia Moreno e Régis Floury recoñecidos pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

É un lugar de estudo e divulgación de técnicas antigas, onde se valora o saber-facer artesanal antigo aberto a todas aquelas persoas interesadas na artesanía feita a man, sen máquinas. Ademais de impartir obradoiros durante todo o ano de carpintería, marquetería, dourado e estampaxe téxtil, cada ano convócase o encontro Menestralía en Hylica onde se acollen artesáns que virán transmitir o seu saber-facer ofrecendo a posibilidade de descubrir os seus oficios.

Régis Floury (Cofundador Espazo Hylica)

Ebanista, restaurador de instrumentos musicais antigos e fabricante de instrumentos tradicionais de corda. Formouse en ebanistería en París e máis tarde licénciase en Restauración e Conservación de Instrumentos Musicais Antigos no Institut National du Patrimoine (París), traballando posteriormente para museos públicos como restaurador. Atraído polas técnicas antigas, trasládase desde Francia, o seu país natal, a Galicia para formarse na construción de instrumentos tradicionais na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo co mestre luthier Xaime Rivas.

Actualmente dedícase á construción e restauración de instrumentos de corda no seu obradoiro de Sabarís (Baiona). É membro da Fundación Pública Artesanía de Galicia, da Societé Française du luth, España Artesá e da prestixiosa guía de artesáns Homo Faber, creada pola Michelangelo Foundation, onde se reúnen os artesáns de excelencia de todo o mundo.

Natalia Moreno (Cofundadora Espazo Hylica)

Deseñadora de estampados e artesá téxtil. Cursou os seus estudos de restauración de pintura, dourado e policromía no Istituto per l’arte e il Restauro (Florencia) traballando posteriormente para diferentes anticuarios e museos en Italia e Madrid. Anos máis tarde, cursa estudos de deseño de moda e estampaxe no Instituto Europeo dei Desing (Madrid).

Comeza a traballar como deseñadora en Madrid para o deseñador David Delfín e máis tarde para a firma de complementos Isabel Sartorius. Desde hai máis de 15 anos abriu o seu propio estudo de deseño traballando para grandes marcas e empresas como como Zara Kids, Tintoretto, Hoss intropia, Springfield, El Corte Inglés e Fundación Juan March.

Anos máis tarde trasládase a Vigo, a súa cidade natal para formarse na técnica da serigrafía na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo e desde entón desde o seu estudo/obradoiro en Sabarís (Baiona) deseña e estampa con técnicas artesanais tecidos e obxectos decorativos. É membro da Fundación Pública Artesanía de Galicia.