Adrián Valverde e Mila López serán premiados na Gala do Ciclismo 2018

A Gala do Ciclismo que se celebrará na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada este sábado a partir das 19:30 horas coroará aos mellores ciclistas nas probas do calendario autonómico durante o 2018, dos Rankings da Federación Galega de Ciclismo (FGC) nas seis disciplinas de competición: Estrada, BTT XCO, BTT XCM, BTT DHI, BTT Enduro e Ciclocrós.

A estes éxitos súmanse, o recoñecemento os medallistas dos Campionatos de España: Escolares, Estrada, Ciclocrós, BTT, Ciclismo Adaptado e BMX Freestyle e os tres primeiros clasificados nos circuítos nacionais de Copas e Open de España de Ciclismo Adaptado, Ciclocrós e BTT.

Entre os premiados están os baioneses Adrián Valverde, do Club Ciclista Rías Baixas, 1º do Ranking FGC 2018 Elite Ciclocrós, e Mila López, do IFIT Galicia, 1ª WH4 na Copa de España de Ciclismo Adaptado e subcampioa de España WH4 contrarreloxo e liña de Ciclismo Adaptado.