O CEIP Plurilingüe de Belesar, en Baiona, está a levar a cabo un proxecto chamado “Camiñando pola Prehistoria”, onde fan un percorrido desde o Paleolítico e os primeiros humanos, etapa que ocupou o primeiro trimestre, ata o Neolítico e Idade do Bronce que abordarán ata final de curso. “Non está a ser o típico proxecto de cole, os nenos forman parte de clans de idades mixtas de infantil a primaria, que teñen o seu saúdo secreto, as súas pinturas e nomes e mesmo o seu chamán. Estamos a deseñar actividades moi chulas, como pescudar a dieta a través das cacas do pasado (os arqueólogos basicamente estudan os restos dos nosos antepasados… literalmente) ou están a experimentar con materiais que habería realmente entón para fabricar ferramentas, instrumentos ou iluminar a cova. Tamén montamos un laboratorio arqueolóxico e unha exposición con réplicas de achados reais que está aberto a todos os públicos, sexan ou non parte da nosa familia Belesar”, apuntan desde o centro escolar.
O mes de xaneiro recibiron a visita de José Valtierra, divulgador e experto en didáctica de temas prehistóricos, para realizar obradoiros de caza, lume e antropoloxía forense arqueolóxica con todo o cole. “Foi unha experiencia apaixonante para todo o alumnado, que a través de réplicas e materiais feitos como na época paleolítica, as nenas e nenos de Belesar vivenciaron de forma única un día na prehistoria”. Esta semana celebraron o festival de Entroido, no que o alumnado de Educación Infantil converteuse nun experto equipo de arqueólogos que retrocedeu 40.000 anos para facer un percorrido polas etapas da prehistoria representadas por cada un dos ciclos de primaria. Foron espectadores, por exemplo, do ritual dun chamán do Paleolítico, dun enterramento funerario nun dolmen Neolítico ou dunha feroz loita entre dúas tribos da Idade do Bronce polo control do territorio.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, visitaron o centro para coñecer o museo da prehistoria que o profesorado e os escolares montaron para aprender e descubrir esta etapa da historia e ser arqueólogos. “No centro educativo creouse unha exposición nunha aula, con cova incluída e restos óseos de animais e persoas, así como ferramentas como puntas de lanza ou bifaces… Unha forma moi dinámica e interactiva de transmitir ao alumnado os coñecementos. Parabén por esta bonita iniciativa”, manifestou o rexedor. Os seus 113 alumnos e alumnas e o seu profesorado aproveitaron esta iniciativa para poñer en práctica todo o aprendido durante a celebración do Entroido. Cada un dos ciclos disfrazáronse dunha temática: o alumnado de infantil púxose o chapeu de explorador. Os ciclos de educación de primaria retrocederon miles de anos para gozar desta festa: 1º e 2º ían disfrazados do Paleolítico; 3º e 4º do Neolítico; 5º e 6º da Idade os Metais. Cada un dos grupos realizou unha performance finalizando cun desfile de comparsas.
Agora a aventura continúa, centrándose a volta de vacacións nos misterios da arte rupestre e a revolución que supuxeron todos os descubrimentos do Neolítico para os seres humanos. No mes de xuño visitarán o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e, dada a gran acollida do proxecto por parte do alumnado e as familias, esperan continuar viaxando polo pasado o próximo curso, “porque coñecer ese pasado prepáranos para o noso futuro”.





