O PP demanda da Deputación o remate das beirarrúas da estrada Gondomar-Chaín-Morgadáns

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Obras na estrada Chaín-Morgadáns.

A Deputación Provincial de Pontevedra vén de executar as obras de asfaltado da estrada provincial EP-2302, Gondomar-Chaín-Morgadáns, despois da demanda que fixera o Partido Popular nas mocións presentadas tanto no Concello de Gondomar en xuño de 2017, que foi aprobada por unanimidade, como no pleno da Deputación de Pontevedra en maio de 2017, onde foi rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG.

En ditas mocións se pedía finalizar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada provincial EP-2302 Gondomar-Chaín-Morgadáns, facendo o tramo pendente de beirarrúas, mellorando a sinalización vertical e horizontal, así como o asfaltado da estrada. Sen embargo, neste proxecto adxudicado á empresa Nexia Infraestructuras por un importe de 292.010,35€, só se contempla o asfaltado e a sinalización vertical e horizontal dos lombos e pasos de peóns elevados.

Segundo a nota de prensa emitida pola Deputación de Pontevedra, «o propio Concello de Gondomar recoñeceu que as beirarrúas construídas incumprían os criterios e características para os itinerarios peonís da nova Deputación, polo que descartou continualas e solicitou a mellora do firme da calzada».

Nunha recente visita, que a petición dalgúns veciños de Chaín e Morgadáns realizou a presidenta do PP de Gondomar ás obras que se están a desenvolver nesta estrada, puido comprobar algunhas deficiencias como a falla de desaugues na zona dos lombos e pasos elevados, o que provoca que se acumule auga na estrada co conseguinte perigo que acarea. Algúns destes veciños denuncian que este auga lles entra nas súas propiedades. Tamén piden a creación dun paso de peóns nas inmediacións da escola de Guillufe, xa que as beirarrúas rematan no cruce coa estrada de Vincios-Couso, sen que exista ningún paso que permita atravesar a estrada cara a escola.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós manifesta, que «a paralización na construción destas beirarrúas pon en risco moi grave a seguridade dos moitos veciños que soben e baixan a pé pola mesma». Por todo isto, reclama ao Goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que conclúa a construción das beirarrúas na estrada provincial EP-2302, Gondomar-Chaín-Morgadáns, que ten pendente desde mediados de 2015, comezando polas zonas que xa teñen cedidos os terreos, e inicie os trámites de expropiación das zonas non cedidas, “que por certo son parcelas de persoas afíns aos membros do goberno municipal”. Tamén lle pide ao organismo provincial que arranxe as deficiencias detectadas no asfaltado que veñen de realizar.

Ao mesmo tempo solicita do goberno municipal, que abandone a súa idea de non querer construír as beirarrúas e se dirixa ao organismo provincial para que se leven a cabo estas obras tan necesarias. «Non é de recibo que o alcalde Paco Ferreira vote no pleno a prol dunha moción na que se pide o remate das beirarrúas, e despois lle diga á Deputación xustamente o contrario», remata Paula Bouzós.