A Garda Civil de Baiona investiga a 7 menores de idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, polo acoso escolar a un alumno do mesmo instituto. A investigación deu comezo tras a denuncia interposta polos pais do menor ante a Garda Civil, ao considerar que está a ser vítima de acoso escolar por alumnos do mesmo centro desde o curso pasado.
Os feitos comezaron con burlas e insultos por parte dos autores, vexacións que foron incrementándose ao longo do presente curso cando empezaron a esixirlle que lles entregase pequenas cantidades de diñeiro, chegando a ser agredido fisicamente sen resultar lesionado, ao negarse a facelo.
Por iso, tras as correspondentes xestións encamiñadas ao esclarecemento da denuncia, procédese a investigar a 7 menores por presunto delito de trato degradante, coaccións, ameazas e malos tratos de obra sen lesión. As dilixencias instruídas foron remitidas á Fiscalía de Menores de Pontevedra.
O “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas” foi posto en marcha polo Ministerio do Interior co obxectivo de axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova, así como achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar para mellorar a confianza dos nenos e mozos nas Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e poñer ao dispor da comunidade educativa a asistencia técnica necesaria para que poida previr e abordar calquera tipo de incidente que poida ameazar a convivencia nesta contorna.
Durante o curso escolar impártense na provincia de Pontevedra charlas informativas na práctica totalidade dos centros de ensino situados nos municipios pertencentes á demarcación territorial da Garda Civil. Dentro do marco do Plan Director tamén se realizan vixilancias puntuais nos centros educativos da provincia, adscritos á demarcación territorial da Garda Civil, para garantir a seguridade da contorna dos colexios e previr a venda e distribución de substancias estupefacientes.

