Sin categoría

Nigrán inicia os cursos de “Envellecemento Activo” coa cifra récord de 210 inscritos

O Concello de Nigrán arrancou esta semana os cursos de “Envellecemento Activo” de 2024 coa cifra récord de 210 prazas e coa principal novidade de sumarse un máis de “Vivilo Corpo” en marzo para dar cabida ás 30 persoas que quedaran en lista de agarda. Todos se desenvolven no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa e no Local Social de Vilameán e están dirixidos a persoas maiores de 65 anos empadroadas na localidade. A totalidade das prazas quedaron cubertas, ofrecéndose un 40% máis que no 2022 (60 para “Vivilo Corpo”; 40 para Informática; e 60 para Memoria en Ramallosa e 50 en Vilameán, 10 máis que no 2023). Todos se desenvolverán ata o 19 de decembro con descanso estival.

“O ano pasado incorporamos o local social de Vilameán porque facilitamos o acceso a pé a moita xente da contorna que non se podía desprazar tan comodamente a Ramallosa e este ano aumentamos as prazas de ‘Vivilo Corpo’ para que ninguén quede fóra”, explica o alcalde, Juan González. “Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa de obradoiros de envellecemento activo que ofrece o Concello de Nigrán”, explica a edil de Maiores, María Mayán, quen engade que teñen un custe simbólico de 20 € todo o curso, sendo gratis Informática porque o imparte como voluntario o profesor xubilado Antonio Lago.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes, un grupo de teatro sénior e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.