Sin categoría

O PP de Gondomar levará a pleno o transporte dos alumnos de Prado e Vilas que van ao CRA de Guillufe

O Concello de Gondomar decidiu deixar de colaborar no transporte escolar dos rapaces dos barrios de Prado e Vilas matriculados na escola de Guillufe, na mesma parroquia de Morgadáns á que pertencen. Así llo comunicou a Concelleira de Educación, Iria Lamas, nunha xuntanza que tivo lugar a pasada semana. A voceira do PP de Gondomar indicou que “isto era algo que xa se miraba vir, xa que a comezos de curso o Concello puxo moitas pegas para cubrir este servicio coa Entidade de Morgadáns”. Paula Bouzós acusou tanto ao alcalde como á nova Concelleira de Educación, Iria Lamas, de deixar a estes cativos sen este servicio, o que para nada é un bo comezo como responsable local de educación.

Dende hai moitos anos o Concello de Gondomar xunto coa Entidade Local Menor de Morgadáns, viñan sufragando os gastos de transporte dos alumnos dos barrios de Prado e Vilas que acoden á escola do CRA de Guillufe na mesma parroquia de Morgadáns. Este transporte víñase facendo mediante un taxi para cubrir os máis de 5 km que distan estes barrios do centro escolar.

Debido a esta decisión son os seus proxenitores os que desde este 1 de febreiro teñen que facer este transporte, o que repercute negativamente na súa propia conciliación, e na economía de moitos deles que contaban con esta axuda á hora de matricular aos seus fillos nesta escola. Postos en contacto coa Entidade de Morgadáns, esta comunicoulles que eles seguirán cumprindo coa súa parte, pero si o Concello non aporta a outra metade non poden cubrir a totalidade desta prestación, xa que foi o Concello quen de maneira unilateral decidiu deixar sen efecto o acordo que se tiña ata este momento.

Por este motivo decidiron recoller firmas entre os pais e os veciños de Morgadáns para solicitar do Concello de Gondomar que siga prestando este servicio que se viña facendo dende hai moitos anos, e que agora o seu alcalde Paco Ferreira decidiu non seguir prestando. Estas firmas foron presentadas por rexistro do Concello no día de onte, e agardan que o goberno municipal recapacite e siga financiando este transporte. Non descartan tomar outro tipo de accións no caso de que non se dea unha resposta positiva a esta demanda.

“Vimos de presentar unha moción para o debate no pleno de febreiro e acordar que o Concello siga garantindo o transporte escolar aos cativos de Prado e Vilas como se viña facendo ata o de agora. Estamos vendo como ao alcalde non lle importa nada a educación dos cativos de Gondomar, primeiro deixa aos colexios sen conserxes e agora isto, non sabemos que será o seguinte”, manifestou Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.