A Asociación O Carme de Baiona denuncia o bloqueo por parte do Concello de Baiona da celebración das Festas do Carme para o 2024 e a presión a outras asociacións coas que colaboran. Tras unha reunión en xuño entre a asociación e a Confraría de Pescadores, cando Almuiña aínda non era alcalde, para presentar o seu proxecto para, tras tantos anos sen festas, poder realizalas. Unha vez chegado a un acordo a comisión empezou a recadar como de costume, acadando máis de 140 socios e socias entre persoas físicas e locais colaboradores que mes a mes achegan cartos para as Festas do Carme de Baiona. Ademais, o apoio veciñal reflíctese tamén na asistencia aos bingos realizados no mes de setembro.
“Un dos nosos primeiros pasos foi poñernos en contacto con representantes de orquestras en Galicia para pechar un presuposto e traballar en función dos posibles custos que puidese haber. Ademais, asinamos un convenio coas camareiras para pagar as flores e coidados da Virxe do Carme durante todo o ano. A intención é asinar outro para a súa restauración completa e, do mesmo xeito, mellorar os soportes para facilitar a súa saída en procesión e axudar aos costaleiros que, desinteresadamente, cargan con ela polas rúas de Baiona. Chegamos a outubro, e tras presentar dous escritos no Concello para ser recibidos, non obtivemos resposta. Tras insistir para poder ensinar ao novo equipo de goberno o noso proxecto conseguimos unha reunión na que sen opción a negociar nos prohiben realizar calquera festa. Por primeira vez na historia de Baiona, o Concello non vai permitir esta festa co argumento de que van a organizala eles”, relatan desde a Asociación O Carme.
“Non pedimos moito, deixarnos traballar e deixarnos facer unha festa desaparecida do mapa de Baiona. Non amosamos posicionamentos políticos, non queremos facer política. A Asociación do Carme de Baiona pode dicir orgullosa que conta con socios e socias de todas as idades, crenzas e ideas. Pero esa non é a finalidade da mesma. Só queremos cumprir as nosas promesas e devolver aos veciños, veciñas, comerciantes e colaboradores todo o seu esforzo con actividades e unha Festa do Carme 2024 da que poidan sentirse orgullosos. E sobre todo, que chegue para quedarse. Destacar que, co apoio da Confraría, propuxemos cambios na propia directiva de O Carme de Baiona para contar cos homes e mulleres do mar que así o quixeran, xa que sabemos que é o que realmente molesta ao Concello e tampouco foron aceptados”, continúan.
“Queremos destacar que esta asociación NON traballa para ningún alcalde de quenda. O dicimos porque ofreceuse a posibilidade de traballar todo o ano para logo darlle os cartos ao Concello, algo NUNCA VISTO. De feito, esta asociación conta cun contrato para que o mércores, 17 de xullo, a Orquestra Panorama chegue a Baiona. Pois ben, o Concello obriga a suspendelo argumentando que NON vai permitir o uso do espazo de A Palma para realizar unha festa que non sexa organizada por eles mesmos. Levamos meses escoitando que non hai cartos en Baiona pero en vez de deixar aos veciños facer a festa con gasto cero para o Concello prefiren deixarnos a un lado e organizala eles. Se non hai cartos como é que van pagar outra festa máis cando xa teñen que organizar as da Anunciada. Non é xusto para todo o traballo que a Asociación do Carme leva realizando desde o mes de xuño e non é xusto para todas as persoas que se implican e colaboran achegando cartos. A Festa do Carme é dos veciños e veciñas, nunca foi do Concello e así debe seguir sendo. ¡Viva a Virxe do Carme!”, conclúen desde a Asociación O Carme.

