Baiona celebrou este sábado unha dobre xornada co Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña. As 16 comparsas participantes chegadas de Vigo, Gondomar, Nigrán, Salceda de Caselas e Mos, comezaron o desfile ás 17:00 horas desde Sabarís, percorrendo Santa Marta, a Avenida Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen ata chegar á Avda. de Ramón e Cajal. Seguidamente, iniciouse o Enterro da Sardiña, que finalizou na Praia Ribeira, onde tivo lugar o enterro.
Tras a queima da sardiña, e tras a deliberación do xurado, procedeuse á entrega de premios ás gañadoras. O primeiro premio, de 900 euros, foi para a Asociación Carnavales de Mañufe, con “Bauhaus. Fantasía Racional”. O segundo, de 650 euros, recaeu en “Pop Art Andy” da Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña. Os 500 euros do terceiro premio foron para a Asociación Os Festeiros de Bembrive con “E se chove que chova”. A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras conseguiu o cuarto premio, de 400 euros, con “Super Pereiras World”. E o quinto, de 300 euros, recaeu na comparsa “Aí veñen as bruxas” de LDanzia de Gondomar.
As demais comparsas participantes, “Nunca choveu que non escampara” da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, “Vidabella” de O Millor de Cada Casa de Vincios, “A fábrica das emocións” da Asociación Políticamente Incorrectos de Gondomar, “Bolboreta’s Chow” do Centro Cultural A Merced de Chaín, “Valla West” do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, “O bingo” de Os Imprescincibles, “Aroma habanero” de Os Furafollas, “Entre indios e vaqueiros” da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios, “Camaleónicos” do Centro Cultural Parada de Miñor, “Paraíso tropical” da Asociación Os Fragafestas de Vincios e “Talismán fantasía tropical” da Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas, recibiron unha cantidade que varía dependendo do número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (300 euros), de 61 a 80 (250), de 41 a 60 (200), de 21 a 40 (150) e de 12 a 20 compoñentes (100).

