Sin categoría

Deteñen a un veciño de Gondomar con polo menos dúas ordes de procura, captura e ingreso en prisión

Unha patrulla da Policía Local de Tomiño procedeu este martes ás 11:00 horas aproximadamente á detención dun home que está reclamado pola Xustiza con polo menos dúas ordes de procura, captura e ingreso en prisión. O detido, que circulaba nunha motocicleta pola zona centro da localidade, ao ver a presenza policial realizou unha manobra evasiva e iniciou a fuxida. Ante a fuxida, os axentes iniciaron a persecución, interceptando novamente ao condutor a uns 900 metros do lugar.

Tras a identificación do condutor resultou ser un veciño da localidade de Gondomar de 37 anos de idade. Realizadas as oportunas comprobacións, os axentes corroboraron a vixencia de polo menos dúas ordes de procura, captura e ingreso en prisión. O condutor foi detido polos axentes policiais e trasladado a dependencias policiais, e pasará a disposición xudicial no día de mañá.

Así mesmo, instrúense dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria por circular cun vehículo de motor carecendo do correspondente permiso de condución, polo que se enfronta novamente a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de doce a vinte e catro meses, ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.