Sin categoría

Volve a Escola da Saúde cunha xornada sobre a necesidade de humanizar a asistencia sanitaria

Talaso Atlántico renova as actividades da súa Escola da Saúde cunha xornada que terá lugar o próximo 4 de febreiro coincidindo coa conmemoración do Día Mundial contra o Cancro. Baixo o título “Humanizar a asistencia e promover os coidados”, o curso contará coa presenza de diferentes profesionais vinculados coa saúde, a nutrición e o exercicio físico, entre os que destaca a subdirectora de Humanización do Hospital Álvaro Cunqueiro, María del Mar de la Peña, co seu relatorio “Humanización: Paradigma da asistencia sanitaria”.

Na xornada tamén participará Fran Román Losada, enfermeiro de Hematoloxía do Álvaro Cunqueiro, que falará sobre a hospitalización a domicilio que se realiza desde o seu departamento. O director médico de Talaso Atlántico, Salvador Ramos, -profesional galego con ampla experiencia no desenvolvemento de programas de coidados integrais para pacientes oncolóxicos- presentará o seu relatorio “Finalicei o tratamento. E agora quen me coida?”, na que poñerá sobre a mesa a importancia dos centros termais -balnearios e talasos-, como un útil “terceiro espazo” para o coidado das persoas afectadas por cancro, ámbito no que Galicia é pioneira.

A xornada tamén contará coa intervención de Nuria Freire, con ampla experiencia en exercicio físico oncolóxico, e Nicolás Piedrafita, nutricionista do Sergas, así como cunha mesa redonda onde se dará voz a pacientes e asociacións de España e Portugal.

A Escola da Saúde continuará pola tarde co relatorio “Marcha Nórdica para persoas hipertensas, unha actividade comunitaria no Val Miñor”, por parte dos enfermeiros Almudena Rivas e Antón Sobral, así como de Ignacio García, especialista en exercicio físico e instrutor de marcha nórdica. Tras o relatorio darase paso aos obradoiros prácticos “Descobre os beneficios da Marcha Nórdica”, impartido por Ignacio García; e “Iniciación ao Tai-Chi / Chi-Kung, a cargo de Eva Machado, profesional do Talaso Atlántico.

Finalizará a xornada co obradoiro “Exercicio e relaxación en Piscina dinámica de Auga de Mar”, impartido polos profesionais do Talaso Atlántico, Elena Villacieros, fisioterapeuta e especialista en Terapia Acuática, e Hugo Fernández, especialista en Exercicio Físico.

Segundo Salvador Ramos, a Escola de Saúde “pretende ser un foro e lugar de encontro e convivencia entre profesionais sociosanitarios, pacientes, familiares e coidadores, co obxectivo de analizar e mellorar a atención e o coidado de pacientes crónicos”. Talaso Atlántico puxo en marcha esta iniciativa, organizando xornadas e encontros con carácter aberto e gratuíto como parte da política de Responsabilidade Social Corporativa.

A xornada, que conta co aval da Union for International Cancer Control (UICC), promotora do Día Mundial contra o Cancro desde o ano 2020; forma parte do seu programa de actividades para 2024, baixo o lema de “Por uns coidados máis xustos”.