Sin categoría

O aparcadoiro municipal da Ramallosa duplica o número de usuarios no seu segundo ano de funcionamento

O Concello de Nigrán contabilizou preto de 275.341 estacionamentos de vehículos durante estes dous primeiros anos de reapertura do aparcadoiro municipal e gratuíto da Ramallosa. Isto tradúcese en que a media de usuarios duplicouse ao pasar de preto de 300 vehículos diarios no 2022 a 600 no 2023. O consistorio asumiu o 5 de xaneiro de 2022 a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar esta infraestrutura que antes dirixía a concesionaria “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.”, empresa liquidada e disolta no 2019. “A xente xa o coñece e vai directamente a el porque resulta moi cómodo para vir á Ramallosa, afórrase moito tempo e é gratis, o primeiro ano moitos aínda crían que era de pago”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca esta aposta pola súa gratuidade “para apoiar o tecido comercial da zona”. “O balance non poder ser mellor. O emprega moitísima xente de xeito asiduo e nótase en todas as rúas da contorna coa proliferación de prazas baleiras, todo elo en beneficio do pequeno comercio ao animarse máis clientes a vir a Ramallosa e dos veciños, ademais dos usuarios da piscina porque está ao seu carón”, explica sobre esta instalación pública da rúa Argonautas con apertura de 8:00 a 22:00 horas de luns a sábado.

O aparcadoiro, ademais, estreará no vindeiro mes dous novos cargadores eléctricos semi-rápidos de 7,4 Kw tamén 100% gratuítos que se sumarán aos outros dous xa existentes, polo que 4 prazas estarán reservadas exclusivamente para este tipo de turismos. A medida é un incentivo máis do Concello para potenciar os vehículos 0 emisións entre a veciñanza (cómpre destacar que Nigrán é o municipio de España con máis electrolineiras públicas, sendo 4 delas situadas ao carón da Casa Consistorial municipais e gratuítas 100%; ademais, estes vehículos ven bonificado o seu imposto de rodaxe). Por outra banda, esta instalación permitiu o acordo de 2023 con Rede Aberta para que levase a fibra a todo aquel núcleo onde as teleoperadoras non chegan, xa que neste espazo se lles permitiu instalar un nodo de distribución a cambio de cubrir o 100% do territorio.

O aparcadoiro súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán na rúa Vilameán, tamén 100% público e gratuíto. “Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a reapertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público e gratuíto un dos grandes logros deste goberno”, resume González, quen menciona o Nigranbus como outro avance en mobilidade que beneficia directamente a este fin.