Sin categoría

Somos Nigrán pide a retirada de entullos da Praia da Madorra

A Plataforma Cidadá Somos Nigrán quere denunciar publicamente o estado no que se encontra a Praia da Madorra, en Panxón, como consecuencia das obras de reparación do muro de contención do paseo, afectado polas mareas do temporal do mes de decembro, levadas a cabo pola Deputación Provincial como titular da rúa que bordea dita praia.

En toda a praia e principalmente na zona norte, onde se reparou o maior tramo do muro, son numerosos os restos de asfalto, entullos de formigón e granito que poden observarse sen que foran recollidos pola empresa contratada para realizar os traballos.

“Ante estes feitos e despois de varios días coas obras do muro rematadas, aínda que seguen pendentes as da rúa, o Goberno Municipal de Nigrán e o seu Alcalde non esixiron á Deputación que ordene a retirada de entullos que quedaron na praia, e a deixe no estado que se encontraba antes de comezar as obras”, sinalan desde a Plataforma Cidadá.

Requiren que no caso de que a Deputación non actúe rapidamente, sexa o propio Concello de Nigrán quen proceda á retirada destes restos de obra, xa que coas mareas vivas, e de non ser retirados nun breve período de tempo quedarán tapados total ou parcialmente, o que vai supoñer unha fonte significativa de contaminación e degradación ambiental, ademais de poñer en risco a integridade física das persoas que elixan esta parte do litoral para pasear ou desfrutar dun día de praia.

Por todo o anteriormente manifestado, esta plataforma resérvase o dereito de denunciar por inacción ás dúas administracións ante a Servicio Provincial de Costas.