Sin categoría

Unha vertedura tingue de azul as augas do Río Muíños

Somos Nigrán esixe responsabilidades por unha vertedura ocorrida no Río Muíños que tinguiu de azul as súas augas ao longo desta mañá. A Plataforma Cidadá solicita que se aclare se se tratou dun fallo na depuración de industrias ou unha vertedura intencionada ao leito do río. “Se se trata dunha vertedura industrial ninguén nos asegura que non poida volver repetirse”. Por este motivo esixen as responsabilidades correspondentes por poñer en risco a saúde pública e ambiental.

Manifestan que desde o Consistorio ponse moi pouco interese en vixiar estes aspectos. “A administración local debe ter especial coidado coa protección do medio ambiente, competencia que lle é propia. É súa responsabilidade e obrigación realizar todas as actuacións que estean ao seu alcance para evitar as verteduras contaminantes ou, en caso de que se produzan, minorar o impacto destas”.

Do mesmo xeito, Somos Nigrán insta ao Concello de Nigrán á implantación dun sistema organizativo de control, inspección e seguimentos de verteduras de augas residuais, autorizadas ou clandestinas, co fin de protexer os recursos hidráulicos, preservar o medio ambiente, velar pola saúde dos cidadáns e evitar a deterioración das infraestruturas.