Sin categoría

Gondomar gaña por segundo ano consecutivo o Premio Gran de Area de Aportación á Arquitectura

Gondomar gañou por segundo ano consecutivo o Premio Gran de Area de Aportación á Arquitectura, outorgado polo Colexio de Arquitectos de Galicia, pola rehabilitación e posta en valor do antigo matadoiro municipal, obra realizada polo Concello. Estas distincións, que foron falladas no mes de novembro, son un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. Premiáronse 13 obras (7 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense).

No caso da rehabilitación e posta en valor do antigo matadoiro de Gondomar, prémiase a actuación sobre un edifico industrial en desuso que se rehabilita como espazo dotacional polivalente de uso público, revitalizando unha contorna degradada da vila de Gondomar, logrando un fantástico resultado, exemplo de obra pública e recuperación patrimonial de baixo presuposto. Os arquitectos responsables do proxecto, Santos Vila González e Rosa Mouriño Pérez, entregaron esta mañá ao alcalde, Paco Ferreira, o diploma acreditativo que será exposto na Casa Consistorial.

Este ano presentáronse 71 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e demais axentes participantes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

Os premios Gran de Area naceron en Vigo no ano 2001 co obxecto de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, e para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina. Dada a expectación que xeraron, o certame ampliouse ás delegacións de Pontevedra e Ourense.