Sin categoría

Baiona renova o convenio con Royal Celtic Bay para ofrecer dúas bolsas de inglés

Royal Celtic Bay English Language School Baiona, en colaboración co Concello de Baiona e o instituto Primeiro de Marzo, ofrecerá dúas bolsas de inglés para a obtención da titulación do B1 do Trinity College London. A bolsa consiste no financiamento de forma íntegra pola Royal Celtic Bay dun curso académico, así como a correspondente realización do exame grao B1 de inglés. Esta bolsa poñeraa en marcha o goberno local en colaboración co instituto Primeiro de Marzo de Baiona e coa academia local Royal Celtic Bay English Language School, dirixida por Loreto Valenzuela Leyenda, veciña de Baiona, cunha traxectoria profesional no pobo de 35 anos.

O proxecto está dirixido ao alumnado de primeiro de bacharelato do instituto Primeiro de Marzo para que estuden o idioma, teñan unha boa formación e poidan obter a titulación do B1 en lingua inglesa do Trinity College London. Os exames de inglés de Trinity College London revalidaron este ano o selo ALTE-Q. Estes certificados convertéronse nun pasaporte para acceder a títulos universitarios, estudos de grao, posgrao e máster, ou bolsas Erasmus, traballar na administración pública, ou simplemente para optar a un posto de traballo mellor. Os certificados de inglés de Trinity College London están recoñecidos en España polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes (MECD) e por todas as comunidades autónomas.

Os exames oficiais de inglés de Trinity College London están calibrados externamente pola Universidade de Lancaster con relación ao Marco Común Europeo de Referencia (MCER). Trinity College London está recoñecido por OFQUAL e é un dos dous únicos membros de pleno dereito de ALTE, principal referente europeo da avaliación de idiomas, que concedeu aos exames de inglés de Trinity a cualificación “Q-Mark” que só outorga aos máis recoñecidos e acreditados exames de linguas europeas, por cumprir todos os seus esixentes estándares de calidade. Á súa vez os exames ISE forman parte dos cadros de certificados recoñecidos para acreditación de niveis de inglés de CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e ACLES (Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior) exames necesarios para calquera grao universitario, bolsas e traballar nas administracións públicas. Con isto, Royal Celtic Bay pretende que Baiona sexa un referente na aprendizaxe do idioma, fomentando así tamén a importancia do inglés, a obtención dunha titulación e á vez axudar a alumnos e familias do pobo.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Educación e Deporte elaborou un convenio en colaboración coa academia local Royal Celtic Bay, centro examinador de referencia do inglés do Trinity College London, e o instituto Primeiro de Marzo, responsable da elección dos alumnos bolseiros, grazas ás súas notas. Este proxecto ten como obxectivo o acceso a un idioma importantísimo para o futuro dos nosos cidadáns máis novos.