Desde o outro lado do Atlántico uniranse o próximo mes de febreiro ao Vigo-Rías Baixas dúas promesas de gran potencial. O colombiano Juan Pablo Sossa e o costarriqueño Dylan Jiménez convértense na cuarta e na quinta fichaxe da escuadra presidida por José Luis Chamorro para a tempada 2024. Ambos os dous corredores son internacionais polos seus países.
Os dous novos pupilos de Jesús Blanco Villar coincidiron o ano pasado no Campionato Panamericano Sub-23 celebrado en Panamá. Juan Pablo Sossa logrou a segunda posición na carreira en ruta e Dylan Jiménez a cuarta na proba de contrarreloxo individual (CRI). O ciclista tico acudiu posteriormente coa súa selección nacional ao Mundial que tivo lugar en Glasgow.
Aos seus 21 anos, Dylan Jiménez afronta a súa terceira tempada consecutiva no pelotón español despois de militar na estrutura do Finisher. Coa formación navarra impúxose na clásica Baranbio Garrastaxu de 2022, mesmo ano que se proclamou campión de Costa Rica Sub-23 de CRI. “Son traballador e moi completo, rendo ben na maioría dos terreos”, asegura o corredor natural de Cartago.
O seu calendario no 2024 xa arrancou coa súa participación na Volta a Chiriquí de Panamá, unha rolda que concluíu o pasado domingo e na que subiu ao máis alto do podio como compoñente do conxunto que se adxudicou a contrarreloxo por equipos inaugural. Dylan Jiménez sente desde Centroamérica a confianza do seu novo equipo e “iso é o que un necesita para poder mostrarse. Desde o primeiro contacto tratáronme moi ben e estiveron moi pendentes. O Vigo-Rías Baixas dispón dun bo calendario”.
Pola súa banda, Juan Pablo Sossa cruzará por primeira vez o charco. “É a oportunidade que estiven esperando, algo moi bonito”, afirma o duitamense de 23 anos. Os seus resultados durante as dúas últimas campañas abríronlle as portas do ciclismo europeo. En 2022 sumou cinco triunfos no seu país, un deles unha etapa da Volta a Colombia. A pasada campaña anotouse unha vitoria parcial na Volta a Colombia Sub-23, ademais do anteriormente mencionado subcampionato sub-23 panamericano.
“Considérome un ciclista agresivo e competitivo, con moita actitude en todo momento. Concéntrome moito nas metas que me propoño”, apunta este polivalente corredor que en 2023 colgouse a medalla de prata na modalidade de scratch do Campionato de Colombia de Pista. Pola súa idade, do mesmo xeito que Dylan Jiménez, poderá disputar a Copa de España. A Real Federación Española de Ciclismo confirmou este martes que o Vigo-Rías Baixas é un dos once equipos que ten garantida a súa presenza en todas as carreiras puntuables.
A escuadra olívica anunciou cinco reforzos para o seu remodelado persoal. Anteriormente, confirmara as altas dos españois Eusebio Pascual, Tomás Miralles e Álvaro García.


