Sin categoría

A Xunta colabora nas melloras dos locais das asociacións veciñais de Gondomar

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo hoxe un encontro con entidades veciñais do concello de Gondomar. En concreto, con representantes das comunidades de usuarios da parroquia de San Xosé de Prado e de San Cibrán de Donas e da asociación de mulleres rurais San Benito, así como do centro cultural Serra e da comunidade de montes de Vincios.

As asociacións de veciños, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas poden optar ás axudas do Plan específico de acción comunitaria, dotado o ano pasado cun orzamento de 3 millóns, a mesma contía que na convocatoria prevista para este ano que se publicará proximamente.

Este apoio vai destinado á mellora dos locais sociais das entidades veciñais e de mulleres rurais, das traídas de auga das comunidades de usuarios de auga e de equipamento que poidan precisar todas elas para a súa actividade. En concreto, do total de 3 millóns de orzamento, destínanse 2,5 millóns de euros para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Cos 500.000 euros restantes finánciase a adquisición do equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos para actividades específicas.

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade, coa que estas entidades contribúen á dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta mediante Plan específico de acción comunitaria, ao que se suma cada ano un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Na última convocatoria correspondente a 2023 houbo máis de 300 entidades beneficiarias desta medida. A maioría delas son da provincia de Pontevedra, con 174 ás que se concederon máis de 1,8 millóns de euros.