A Xunta abordará a integración de Gondomar e outros 25 municipios no transporte metropolitano

O Plan de Transporte Metropolitano botaba a andar o 27 de abril de 2015 na área de Vigo, cos 12 concellos que nese momento subscribiron o convenio coa Xunta. Inicialmente prevíanse 14 pero, os de Vigo e Gondomar non se adheriron a este convenio por vontade propia.

Neste sentido, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, sinalou este venres que o actual alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, votou dúas veces en contra da incorporación ao plan en pleno municipal. Non obstante, garantiu que se abordará a súa integración cos mesmos criterios cos que a dos 25 municipios que a teñen solicitada, entre eles varios do sur de Galicia, como Ponteareas.

A Xunta está a achegar preto de 2 M € anuais a este plan, financiando o 80% dos descontos, ao que hai que sumar o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. Pola súa parte, os 12 concellos que conforman a área completan o financiamento, o 20% restante, cunha partida que rolda os 400.000 € anuais.

O uso da Tarxeta permite descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas; bonificacións adicionais do 15% para usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes; e descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Anuncios