Sin categoría

Chaín cuarta e Parada terceira en abandeirados no Certame de Rondallas

A Rondalla de Santa Eualia de Atios (O Porriño) proclamouse este domingo no IFEVI gañadora da sexta edición do Certame de Rondallas da Área de Vigo, no que participaron 15 agrupacións de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui, que reuniron a preto de 1.200 rondalleiros nun espectáculo do que desfrutaron 8.000 persoas. A Rondalla de Pontellas, tamén do Porriño, foi segunda, Santa Eualia de Mos terceira, A Merced de Chaín de Gondomar cuarta e Herville de Mos quinta. Na categoría de abandeirados resultou tamén gañadora a Rondalla de Santa Eulalia de Atios, seguida de Pontellas en segundo lugar, Parada de Nigrán no terceiro, Valladares e A Nosa Merced de Chaín, cuarta e quinta.

Os asistentes ao certame no IFEVI puideron desfrutar de máis de catro horas de rondallas, que demostraron as súas habilidades sobre o escenario ao son de música tradicional, pero tamén con versións de pezas modernas. Soaron, entre outros, temas como (I Can’t Get No) Satisfaction de The Rolling Stones, “Saturday Night” de Whigfield, “Mentirosa” de Ráfaga, “Pousa, Pousa” de A Roda, “Macarena” de Los del Río, “Sweet Child O’ Mine” de Guns N’ Roses, “YMCA” de Village People, “Live is Life” de Opus, “Black is Black” de Los Bravos, “Dragostea Din Tei” de O-Zone, “Fiesta Pagana” de Mago de Oz, “Columbia” de Quevedo, “Rolling in the Deep” de Adele, ou bandas sonoras como “Piratas del Caribe”, “Superman” ou “Juego de Tronos”.

A rondalla gañadora recibirá un premio económico de 900 euros. Ademais, repetiu a súa actuación como peche do certame. O segundo premio será de 600 euros e o terceiro de 300. Ademais, o conxunto de abandeirados que quedou no primeiro posto recibirá un premio de 500 euros. O segundo, 300 euros e o terceiro, 200. Neste VI Certame de Rondallas da Área de Vigo participaron cinco agrupacións da cidade de Vigo (Valladares, Beade, Helios de Bembrive, Zamáns e Freixo), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas do Porriño (Pontellas e Atios), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada) e unha de Tui (Pexegueiro).

Ao evento, que comezou ás 17:00 horas, asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; e os alcaldes Alejandro Lorenzo, do Porriño, Nidia Arévalo, de Mos, Francisco Ferreira, de Gondomar, Enrique Cabaleiro, de Tui, e Juan González, de Nigrán.

Resultado de Rondallas

  1. Rondalla de Santa Eulalia de Atios, O Porriño (218 puntos)
  2. Rondalla de Pontellas, O Porriño (212 puntos)
  3. Rondalla de Santa Eulalia de Mos, Mos (186 puntos)
  4. Rondalla A Merced de Chaín, Gondomar (178 puntos)
  5. Rondalla de Herville, Mos (168 puntos)

Resultado de Abandeirados

  1. Rondalla de Santa Eualia de Atios, O Porriño (169 puntos)
  2. Rondalla de Pontellas, O Porriño (157 puntos)
  3. Rondalla de Parada, Nigrán (149 puntos)
  4. Rondalla de Valladares, Vigo (142 puntos)
  5. Rondalla A Merced de Chaín, Gondomar (142 puntos)





El pase de diapositivas requiere JavaScript.