O PSOE reclama o cese fulminante do vocal do PP na Entidade Local Menor de Morgadáns

“O Partido Popular ten un problema de violencia no mundo local”. Así o afirma o secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, David Regades, despois de coñecer a sentencia pola que se condena ao representante do PP na Entidade Local Menor de Morgadáns por agredir a un funcionario do Concello de Gondomar durante a precampaña das últimas Eleccións Xerais.

Regades reclama ao presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, o cese fulminante do agresor, Juan Carlos Alonso Esmerode, pois “a violencia, en calquera das súas expresións, e a política son absolutamente incompatibles. Máis aínda neste caso no que falamos de violencia física do membro do PP a un funcionario do Concello de Gondomar”.

O secretario xeral socialista recorda que aínda está fresca a agresión no propio pleno de Cangas do concelleiro Gestido á voceira socialista Iria Malvido, “un asunto vergoñento e sobre o que o PP segue tratando de botar terra” cando chega esta sentencia firme do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo. “Son feitos intolerables, inxustificables e que acaban manchando a quen os tolera, os ampara e os desculpa, polo que Rueda non pode seguir de perfil”, recalca Regades.

O fallo condena a Juan Carlos Alonso Esmerode como autor responsable dun delito leve de lesións á pena de multa dun mes, a razón de 5 euros ao día, o que fai un total de 150 euros. En caso de falta de pagamento, Alonso deberá cumprir pena de privación de liberdade dun día por cada dúas cotas non satisfeitas.

A sentenza declara como feitos probados que o 24 de xuño de 2023 Alonso Esmerode propinou un golpe no costado dereito ao denunciante na rúa Manuel Losada de Gondomar, cando este estaba a punto de subirse á súa motocicleta. O agredido sufriu unha contusión costal para o que necesitou unha primeira asistencia médica.

A sentencia explica, ademais, que o agresor insultou previamente ao agredido “nunha situación de tensión que pode encontrarse en razóns políticas”. Ademais, a xuíza puxo en valor que o agredido renunciou a calquera indemnización que puidera corresponderlle e tan só reclamou que se xulgaran os feitos aos efectos da posible responsabilidade penal do vocal do PP na Entidade Local Menor.