Sin categoría

O PP denuncia que o Concello de Gondomar deixa aos colexios públicos sen conserxes

O Partido Popular denuncia que o Concello de Gondomar fixo efectiva a súa ameaza feita o pasado ano e finalmente deixa aos colexios públicos do municipio sen conserxe, segundo fixo saber o director do colexio público Serra-Vincios, nunha nota enviada ao propio Concello na que fai constancia de todos os problemas que provocan esta situación. Para o Partido Popular era algo que xa se vía vir, tal e como denunciou o pasado mes de marzo a súa voceira Paula Bouzós, nunha nota de prensa enviada aos medios na que denunciaba que o alcalde Paco Ferreira pretendía deixar aos colexios públicos Neira Vilas de Peitieiros, Souto-Donas, Serra-Vincios e Chano Piñeiro de Gondomar sen os servizos de conserxe que dende sempre atendían as necesidades deses centros escolares de primaria, o que daquela motivara a protesta dos directores e pais dos alumnos.

Segundo afirma Paula Bouzós, “nestes días foron moitos os pais que me fixeron saber que os colexios públicos estaban sen conserxe, polo que me puxen en contacto cun centro para preguntar pola situación. O director do colexio de Vincios fíxome saber que durante este curso foi unha constante a ausencia de conserxes que acudían soamente 1 ou 2 días ao centro, pero que agora mesmo xa non acudía ningún”. Dende os colexios enviaron varios escritos ao Concello sen que se tiveran resposta aos mesmos, chegando a estar nestes momentos nunha situación límite con total falta de mantemento das instalacións. Paula Bouzós afirmou que o director do colexio de Vincios transmitiulle que “a comunicación co Concello de Gondomar é inexistente. Seguimos sen saber quen é a persoa responsable da área de educación para dirixirnos sobre os problemas de mantemento que presenta o centro educativo. Se nos indica que enviemos as solicitudes por rexistro, pero nunca hai contestación nin posibles solucións”.

Neses escritos enviados dende o colexio ao Concello, denuncian que moitos dos traballos son realizados polo profesorado, tendo ao mesmo tempo alumnado ao seu cargo, así como outros que non se realizan como son a anotación diaria no Libro de Rexistros do Concello de Gondomar para o tratamento da lexionela que pode supoñer que poida haber brotes e sancións da Consellería de Sanidade, ou levar o control sobre as portas de acceso ao centro educativo para que non entren persoas alleas e non suban familias ás aulas, traslado de posible alumnado que chega tarde, recepción de mercadorías… “O centro está permanentemente aberto, non temos ningún control de acceso e hai momentos en que non podemos atender nin o teléfono”.

Desde o Partido Popular consideran que é moi importante que os centros escolares conten con todos os servizos necesarios para garantir unha educación de calidade aos rapaces de todo o Concello de Gondomar. “O alcalde non é totalmente consciente da importancia da figura do conserxe nos centros educativos, por iso non lle importa que os centros escolares non teñan un conserxe dedicado, o que inflúe tamén na calidade da educación que reciben os nosos cativos. Pedimos e esiximos ao Sr. Ferreira, que atenda as necesidades dos colexios públicos do noso concello e que comece por garantir a presenza dun conserxe nos catro centros de primaria que temos no Concello de Gondomar”, argumenta Paula Bouzós.