Os nenos de Camos e Chandebrito serán protagonistas no desenvolvemento do corazón do parque forestal “Os Matos-Río Táboas”. Con este obxectivo, o Concello de Nigrán iniciou, a través da súa brigada medio ambiental e do programa de hortas escolares municipais contratado a “Somos Terra”, unha iniciativa escolar pioneira que involucra ao alumnado de 5º de Primaria do CEIP da Cruz e Colegio Estudio (os dous únicos centros situados nas parroquias que abrangue este terreo). Concretamente, sementarán landras para fornecelo de carballos e experimentarán a inoculación de shiitakes en eucaliptos. Os resultados serán trasladados a 1.000 m² situados ao carón dun miradoiro na intersección con Chandebrito no que, precisamente, o mes que vén o Concello plantará 700 árbores autóctonas adquiridas por importe de 8.000 € (sobreiras, abeleiras, bidueiros, carballos e castiñeiros). “Trátase de vincular afectivamente á rapazada coa súa contorna ao tempo que adquiren valores e coñecementos moi necesarios. Eles son o verdadeiro futuro do parque, os que velarán polo seu benestar e o defenderán cando os adultos de hoxe xa non esteamos aquí e os que o gozarán no seu máximo esplendor”, explica o alcalde, Juan González.
A iniciativa do Concello, que se desenvolverá durante todo o ano, comezou onte en ambos colexios sementando 40 landras procedentes do Aloia en macetas de tetrabriks. A propia brigada forestal asesorou á rapazada directamente con estes traballos e, durante o curso, “Somos Terra” lles ensinará a coidalos para, en xullo, trasladalos ao viveiro do parque forestal, que se situará moi preto do “Bosque da Memoria”, en Chandebrito. “O obxectivo é manter sempre un viveiro para o parque para empregar plantas pequenas en zonas de pendente ou moi pedregosas, onde non se poden plantar árbores xa de gran porte”, explica Carla Pérez, enxeñeira forestal xefa da Brigada. A maiores, o alumnado aprendeu tamén a inocular troncos de eucaliptos para que produzan shiitakes, de momento o fixeron en troncos que se quedarán no colexio pero o fin é que poidan empregar eses coñecementos para, a partir de febreiro, inocular directamente sobre os tocóns de eucaliptos do parque forestal. “Esa é a novidade coa que se está a experimentar, o de facelo directamente sobre os eucaliptos cortados porque, ademais de producir cogomelos, mataría completamente esta especie invasora que queremos erradicar”, explica Carla, quen avanza que o resultado será avaliable nos meses de setembro e outubro, cando se aprecie a produción.
Parque Forestal
Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, sitúase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais de servir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total do Concello será de 400.000 € e os traballos os leva adiante a súa propia Brigada Medioambiental baixo a dirección técnica de “Landra”. “Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos poñer en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González. O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, a creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petróglifos…
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter só o seu microclima húmido. O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petróglifos; ou restauración do coñecido como “Muíño do medio de Táboas”); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a primeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).





