Sin categoría

Nigrán retira pellets na Madorra coa axuda de preto de 100 voluntarios

Nova marea de voluntariado medioambiental en Nigrán. Preto de cen persoas acudiu na tarde deste xoves á Madorra para participar na segunda acción convocada esta semana polo Concello de Nigrán, Asociación de Escolas de Surf de Patos e Club Marítimo de Panxón para retirar pellets procedentes do mercante Toconao. A eles uniuse o alcalde, Juan González, e concelleiros. Entre todos, e durante case 3 horas, peitearon o areal retirando centos de boliñas ocultas principalmente na liña de marea, entre as algas. Por outra banda, durante toda a mañá un cento de escolares do CEIP Número 1 de Tui estivo en Patos guiados por Prado Surf, e tanto aquí como na Madorra localizáronse pellets en maior profusión que na limpeza organizada este mesmo martes en Patos e á que asistiron ao redor de 150 persoas.

“Seguimos sen recibir indicacións nin información por parte da Xunta pero non por iso nos cruzamos de brazos. Imos continuar limpando e vixiando se aparecen máis co cambio de correntes previsto para esta fin de semana”, avanza o alcalde, Juan González, quen agradece o traballo de centos de voluntarios e de milleiros de chamadas recibidas no Concello para colaborar. “O certo é que sen eles non poderíamos actuar como o estamos a facer, os concellos non dispoñemos de medios suficientes, e grazas a estes voluntarios as nosas praias están sendo liberadas de pellets áxilmente e teñen menos plásticos que antes do incidente porque estamos aproveitando para limpar todo polo miúdo. Esta catástrofe ten que ser tamén unha oportunidade para tomar medidas de cara a combater o problema mundial dos microplásticos”, indica González. En calquera caso, desde o Concello de Nigrán continuarase informando á cidadanía da situación das praias e de novas iniciativas.