Baiona finaliza os traballos de reparación do paseo fluvial de Baíña

A última crecida do río da Maré, o pasado inverno, provocou que un dos tramos do paseo fluvial de Baíña executado no ano 2017 fose danado pola forza da crecida, desprazando a base da pasarela e provocando a súa desestabilización, sendo o tramo afectado duns 60 metros lineais aproximadamente. Este é un dos tramos de maior tránsito, conexionando dous puntos da parroquia estratéxicos, que permite unha redución notable da distancia entre eles, ademais de facilitar a comunicación sen barreiras arquitectónicas.

Os traballos realizados de urxencia consistiron no desmonte e almacenamento para a súa posterior reutilización de parte da estrutura, táboas de tránsito e varanda en toda a súa lonxitude, sendo un total de 152 metros lineais. Reposición da madeira amoreada e substitución da parte danada, reforzando e aparafusando os 152 metros, permitindo asegurar e certificar novamente a estabilidade do conxunto. Limpeza, lixado e aplicación de tratamento tipo lasur sobre toda a superficie, así como a aplicación de tratamento antiescorregadizo, permitindo o seu uso de forma segura.

A obra foi adxudicada en decembro á empresa CODEMA LOMBA S.L., por un importe de 45.459,22 euros. As obras foron cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención polos danos causados polas inundacións e fondos propios municipais. Segundo palabras do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, “as obras de reparación da pasarela realizáronse coa maior rapidez posible, permitindo novamente que os veciños do Burgo poidan transitar con seguridade por ela, acurtando distancia á praia e gozando dun agradable paseo polo río”.