A Concellería de Festexos do Concello de Baiona abre o prazo de presentación de solicitudes para o Concurso de Comparsas do “Entroido Baiona 2024” que terá lugar o vindeiro sábado 3 de febreiro co tradicional desfile de comparsas, que como vén sendo habitual, partirá desde a Avda. Urbana de Sabarís ás 17:00 horas en dirección ao centro da vila, terminando no Paseo Ribeira. Acto seguido, e mentres delibera o xurado, terá lugar polas rúas principais o tradicional “Enterro da Sardiña”, que finalizará na Praia Ribeira.
As solicitudes poderanse presentar desde hoxe xoves 11 de xaneiro existindo un límite máximo de 20 comparsas participantes, que serán admitidas por rigorosa orde de entrada. As comparsas admitidas deberán estar integradas por un mínimo de 12 compoñentes e os premios repartiranse tal e como figura nas Bases da convocatoria, da seguinte maneira:
- 1º PREMIO: 900 EUROS
- 2º PREMIO: 650 EUROS
- 3º PREMIO: 500 EUROS
- 4º PREMIO: 400 EUROS
- 5º PREMIO: 300 EUROS
Entre as demais comparsas participantes, repartiranse as seguintes axudas en concepto de participación:
- De 81 a 100 compoñentes, 300 euros.
- De 61 a 80 compoñentes, 250 euros.
- De 41 a 60 compoñentes, 200 euros.
- De 21 a 40 compoñentes, 150 euros.
- De 12 a 20 compoñentes, 100 euros.
Toda a información sobre as bases e documentación necesaria atoparase publicada no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello, desde hoxe xoves 11 de xaneiro. A inscrición para participar deberá formalizarse na oficina do Rexistro do Concello de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas ou na Sede electrónica ata o 1 de febreiro como data límite.

