Sin categoría

Gondomar abre o prazo de inscrición para participar no Desfile de Comparsas de Entroido

O Concello de Gondomar organiza un ano máis o tradicional Desfile de Entroido. Este evento de gran relevancia e atractivo turístico no territorio quere seguir afianzándose como evento de referencia no Val Miñor e no resto de concellos limítrofes. Como na edición anterior o Desfile de Entroido non contará con concurso como tal, iso quere dicir que todos os participantes levarán unha contía económica. Este ano o Desfile de Entroido en Gondomar levarase a cabo como xa é tradición durante a xornada do domingo 11 de febreiro, coincidindo coas propias datas do Entroido, sempre que a climatoloxía o permita. En caso de choiva, buscarase unha data alternativa. De non ser posible realizar o desfile nas datas acordadas, o desfile darase por cancelado ata a vindeira edición. O horario de comezo do Desfile de Entroido será ás 16:30 horas coa lectura do pregón na Praza Paradela. O enterro da sardiña celebrarase o mércores 14 de febreiro a partir das 19:00 horas con saída dende a Praza Rosalía de Castro ata a Praza Paradela, sempre que as circunstancias climatolóxicas o permitan, de non ser así, quedará cancelado para o vindeiro ano.

O tradicional desfile de carrozas de Entroido en Gondomar partirá dende a rúa Eduardo Iglesias accedendo pola rúa Ángel Urzaiz para facer entrada na Praza Paradela, pasar por diante do Concello e marcar a súa saída cara a Avenida do Conde onde finalizará a formación e a súa actuación. A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, deportivas, grupos, colexios, etc. que presenten comparsa. Terán preferencia para participar, as comparsas do Concello de Gondomar, e posteriormente as do Val Miñor. As comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 20 compoñentes. O número máximo de comparsas inscritas será de 20, cun mínimo de 6 e ata un máximo de 5 convidadas. É obrigatorio presentar unha breve descrición da comparsa. As carrozas participantes no desfile non poderán exceder das seguintes dimensións, sen contar o vehículo a motor que as arrastre: 8.00 m de longo, 3.50 m de ancho e 4.50 m de alto. Non serán admitidas as comparsas con animais vivos. O Desfile de Entroido prevese en modalidade de pasarrúas sen pausa. Calquera cuestión ou dúbida será resolta no seguinte Email: alcaldia@concellodegondomar.gal ou nos teléfonos 986.38.40.20/ 658.540.991 de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas.

As inscricións para participar no Desfile de Entroido de Gondomar faranse mediante as oficinas de Rexistro Xeral (de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas) ou mediante Sede Electrónica (obrigatorio para as agrupacións rexistradas ou asociacións) cubrindo o ANEXO I de inscrición. O prazo será dende o 9 ata o 22 de xaneiro. Non se aceptará ningunha solicitude fóra de prazo. Deberá haber un mínimo de 6 solicitudes para que o Desfile de Entroido se leve a cabo.

O Concello de Gondomar establece catro modalidades dentro das agrupacións inscritas:

  • COMPARSAS DE 20 A 40 COMPOÑENTES SEN CARROZA: 300€
  • COMPARSAS DE 41 A 60 COMPOÑENTES SEN CARROZA: 350€
  • COMPARSAS DE 61 A 80 COMPOÑENTES SEN CARROZA: 400€
  • COMPARSAS DE MÁIS DE 81 COMPOÑENTES SEN CARROZA: 450€
  • COMPARSAS DE 20 A 40 COMPOÑENTES + 1 CARROZA: 450€
  • COMPARSAS DE 41 A 60 COMPOÑENTES + 1 CARROZA: 500€
  • COMPARSAS DE 61 A 80 OMPOÑENTES + 1 CARROZA: 550€
  • COMPARSAS DE MÁIS DE 81 COMPOÑENTES + 1 CARROZA: 600€

Cada carroza a maiores axudarase economicamente con 100€.

BASES

ANEXO I

ANEXO II