O Concello de Nigrán rematou este mércores o reparto de xoguetes recadados durante todo o ano a través do Banco Municipal de Xoguetes co fin de que, precisamente, ningún neno quede sen agasallos de Nadal. Os miles de xoguetes doados pola veciñanza directamente ao Concello serviron para agasallar Papá Noel e tamén os Reis a menores do municipio de 0 a 12 anos de 49 familias en situación de vulnerabilidade. A maiores, quedou unha remesa suficiente para que as familias poidan recorrer a el durante o resto do ano. Tamén entregaranse xoguetes aos 52 nenos usuarios do Servizo de Atención Temperá que serán visitados hoxe polo Rei Mago e a Carteira Real para entregar os seus xoguetes xa que a súa situación persoal non lle permite asistir á Cabalgata do día 5.
“O Nadal é a época na que máis se reparten, pero realmente o Banco Municipal está aberto durante todo o ano para recibir doazóns e tamén para repartir entre as familias vulnerables que o precisen”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a implicación do seu equipo de goberno e de voluntariado que, durante meses, estivo seleccionando só os que estivesen en perfecto estado, hixienizándoos e empaquetándoos. O obxectivo do Concello de Nigrán é que o Nadal non signifique para as familias en risco de exclusión social do municipio un agravamento da súa condición, polo que o goberno local leva adiante máis iniciativas solidarias, como recollida de alimentos non perecedoiros en diferentes eventos ou a promoción do Roupeiro Municipal (ben para realizar doazóns ou ben para entregar).
O Concello de Nigrán mostra o seu máximo agradecemento ás familias doadoras e aos Colexios Humberto Juanes, Arquitecto Palacios, A Cruz de Camos e Ángel de la Guarda, Equipo Prado Competición, Arroases Val Miñor, Papá Noeles Surferos, corredores da San Silvestre e clubs de Baloncesto, Patinaxe e Tenis de Nigrán pola súa colaboración e recollida de xoguetes e alimentos.

