Sin categoría

A VI Xuntanza dos Arroases do Val Miñor reúne unha tonelada de alimentos

Os Arroases do Val Miñor celebraron este sábado a súa sexta Xuntanza, como é habitual en Panxón, con saída desde a rampla do porto pesqueiro. Os máis de 200 participantes, escoltados por coñecidos personaxes da saga “Star Wars”, recibiron un gorro de natación conmemorativo do evento grazas á colaboración do Concello de Nigrán. Destacar a gran cantidade de nadadores chegados de Portugal, con ampla representación do club fluvial Portuense, e os amigos e compañeiros de Sarela, que participaron por segundo ano.

Trátase un percorrido totalmente costeiro, desde o principio de Panxón ata a boia que se colocou fronte ao faro de Praia América e volta. En total, 1.500 metros, nos que estiveron escoltados por embarcacións lixeiras do Club Marítimo de Panxón, que un ano máis colaborou co evento. Para que todos os participantes se sentisen arroupados, fixéronse tres grupos de velocidade para nadar de maneira máis ou menos compacta e sempre detrás da cabeza do grupo.

Ademais, como cada ano, tratouse dunha nadada solidaria, xa que os asistentes achegaron preto de 1 tonelada de alimentos non perecedoiros que foron recollidos polo Concello de Nigrán e que serán distribuídos polos Servizos Sociais. Nesta edición, estiveron acompañados tamén por membros da Protectora de Animais Bai.senpulgas, co seu posto de venda de camisetas, pendentes, bolsos, calendarios… e que tamén recibiron doazóns dos participantes.

Desde os Arroases do Val Miñor agradecen a colaboración de Eroski Nasas Nigrán, que doou 180 quilos de alimentos, e a Carrefour Market Baiona, Chévere Baiona e Muchas Baiona, por doar produtos de hixiene. Despois da nadada, todos os participantes recuperaron forzas cun petisco no Marítimo de Panxón.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.