O Concello de Baiona reformará integramente o Campo de Fútbol Municipal do Aral cun investimento de 319.657,80 euros que permitirá renovar as instalacións. “Trátase dunha reforma integral necesaria, é unha renovación a fondo para mellorar unha das instalacións máis utilizadas, especialmente por usuarios das escolas deportivas municipais e clubs de categorías inferiores, e queremos que siga funcionando ao máximo rendemento. Trátase do maior investimento desde a inauguración do complexo Aral-Fontiñas. Había un proxecto moi pequeno que o actual equipo ampliou enormemente para cubrir as necesidades das instalacións”, destaca o Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.
A aposta do goberno local pola mellora do campo confírmase así destinando parte dos fondos do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra e incluíndo a reforma dos vestiarios, a reforma da bancada norte, a creación dunha nova cuberta na bancada sur, a substitución do peche perimetral e a mellora da iluminación do campo. Un dos grandes avances para mellorar o uso é a reforma interior de vestiarios, coa mellora de instalacións, equipamento e accesibilidade. Outra das grandes melloras a sinalar é a integración dos aseos do público no edificio, pois ata o de agora os lavabos estaban nunha casa externa.
A bancada norte, a máis próxima aos vestiarios, presenta entrada de auga polo mal estado da cuberta. A actuación pretende corrixir as deficiencias na cuberta e a instalación dunha viseira na parte frontal para reducir a falta de visibilidade e resgardar máis ao público das inclemencias do tempo. En canto á bancada sur, escoitando as peticións dos usuarios, acordouse a creación dunha cuberta para o tramo central, de 22 metros de lonxitude, deseñada nunha tipoloxía que permita a súa expansión polos extremos nun futuro. Debido ao mal estado que presenta o peche perimetral do campo, exponse a súa substitución e mellora de condicións.
Ademais das instalacións, ante as queixas dos usuarios, o Concello de Baiona encargou un estudo lumínico do campo de fútbol, o cal mostra unhas condicións de iluminación totalmente desfavorable para a práctica deportiva, con nula visibilidade, polo que se actualizará o sistema lumínico á normativa vixente. O proxecto integral de reforma do Campo do Aral foi presentado na mañá deste xoves en rolda de prensa polo Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e pola Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez. Na presentación tamén participou a directiva do Erizana F.C., un dos principais usuarios do Campo de Fútbol Municipal do Aral, coa que previamente se analizaron as necesidades do club e das instalacións para decidir cales serían as reformas para levar a cabo. Tamén estiveron presentes integrantes das “Tropas do Erizana”, un grupo de afeccionados que todas as fins de semana apoian ao seu equipo.
“Desde o concello de Baiona queremos seguir apostando pola mellora e mantemento das instalacións, xa que un dos nosos piares fundamentais é o deporte como vehículo motor dunha vida saudable”, destacou a Concelleira de Deportes. O Campo de Fútbol Municipal do Aral foi construído fai vinte anos, e as instalacións viñan sufrindo importantes danos ao longo dos últimos anos, polo que o goberno local planificou as reformas para que continúe sendo o campo de referencia. Durante estas décadas, o Aral converteuse na infraestrutura deportiva máis utilizada polos veciños de Baiona.


