Nigrán despide o ano coa San Silvestre Solidaria e a Orquestra de Saxos de Redondela

O Concello de Nigrán despedirá o ano o sábado 30 de decembro entre a tradicional carreira San Silvestre Solidaria en Panxón (18:00 horas) e o concerto da Orquestra de Saxos de Redondela no Auditorio (20:00 horas). A maiores, os “Arroases do Val Miñor” mergullaranse como cada ano ás 11:00 horas en Panxón para nadar 1.500 metros nunha proba tamén non competitiva e solidaria e en Porto do Molle disputarase o III Ciclocrós Concello de Nigrán-ZFV tamén á mesma hora.

Como é xa tradicional, a San Silvestre de Nigrán é unha quedada solidaria onde os participantes deben achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros no mesmo día (desde media hora antes do inicio) para o Banco Municipal sen necesidade de inscrición previa. A carreira non competitiva arrancará ás 18:30 horas no Paseo de Panxón (altura do Pavillón) para chegar ao fin de Praia América en Lourido e volver ao punto de partida. Ao rematar ofrecerase unha chocolatada.