Sin categoría

Veciños de Bouzavella reclaman unha zona segura para os peóns

Un grupo de veciños do barrio de Bouzavella en Panxón concentráronse este venres para reclamar unha zona segura para os peóns na vía. Durante máis de 10 anos solicitaron ao Concello de Nigrán medidas de seguridade que afectan tanto a veciños como usuarios (viandantes e condutores). “De feito, usuarios non residentes en Bouzavella, que se ven involucrados nos atascos, coinciden no perigo de que coches e viandantes coincidan no mesmo espazo sen unha zona segura para estes últimos. Trátase de seguridade. Cando simplemente saír a tirar o lixo convértese nun deporte de alto risco, é que a cousa é seria”, apuntan os veciños.

“Os veciños e veciñas, sen ningún partido político detrás, só veciños, sempre foron ao Concello a pedir seguridade para os peóns e que se solucione o problema de tráfico segundo os criterios técnicos correspondentes (vías e obras, Policía Local, Garda Civil, etc). Bouzavella é un barrio tranquilo no que os veciños non están enfrontados, como queren facer crer os políticos nos medios de comunicación. Coas súas diferenzas de opinións como é normal na vida, pero non enfrontados nin en guerra como xa se escoitou noutros medios”, aclaran.

Os veciños e veciñas da rúa Bouzavella adiantan ademais que seguirán concentrándose ata que se tomen as correspondentes medidas de seguridade para os peóns. “Cremos que despois de 10 anos de reunións co Concello foron máis que suficientes para tomar algunha medida de seguridade. Fixéronse carrís peonís noutros camiños pero en Bouzavella non, por exemplo a subida do colexio de Panxón ou entrando pola farmacia de Priegue”. Os veciños e veciñas non poden máis con esta situación e piden o apoio de veciños e usuarios para que os apoien nas consecutivas concentracións que irán facendo.

O Concello de Nigrán convocou o pasado 23 de novembro unha consulta popular para que os propios veciños de Bouzavella decidisen o futuro da súa rúa. O resultado, moi axustado, foi favorable a manter a bidireccionalidade con 29 votos fronte aos 24 que pedían cambiar a sentido único a partir do cruzamento de Gorféns. Estaban chamadas a votar 62 persoas maiores de idade empadroadas nesta estrada, e participaron un 85,7%.

“Tomamos nota da situación, practicamente a metade dos veciños queren unha cousa e a outra metade outra, polo que isto reafírmanos en que non se pode tomar ningunha decisión radical nin inmediata, así que traballaremos para humanizar esta rúa respectando o resultado das urnas”, explicaba por aquel entón o alcalde, Juan González, quen aposta por “estudar medidas que outorguen maior seguridade viaria e deixe de ser un mero lugar de atallo para vehículos entre Estrada pola Vía e Tomás Mirambell”.

Así, a estreiteza da rúa, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos póidanse cruzar simultaneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que atravesan a rúa para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro xerando, en consecuencia, retencións. “Antes da consulta os propios veciños da zona dicíannos que o sentir unánime era para un lado ou outro, constatamos que non é así e que, realmente, si hai unanimidade en que hai que mellorar a estrada”, consideraba González.