Sin categoría

O PP rexeita un investimento de 2 millóns de euros para Baiona

O Bloque Nacionalista Galego presentou sete emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2024 cun investimento de 2.000.000€ no concello de Baiona que foron rexeitadas polo PP. O BNG solicitaba un investimento urxente na modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable (E.T.A.P.) situada en Baíña, “xa que o seu estado é deplorable, as instalacións quedaron obsoletas e non cumpre co proceso de potabilización axeitado”. A proposta do BNG para Baiona incluía orzamentar unha Promoción de vivenda pública, ben sexa en construción, rehabilitación ou en réxime de alugueiro de baixo custe, no camiño de garantir o dereito de acceso á vivenda. “Baiona soporta unha grande presión turística que está imposibilitando este dereito a baionesas e baioneses provocando a expulsión da poboación moza autóctona”.

Solicitouse tamén melloras infraestruturais e de equipamento nos colexios públicos que presentan importantes necesidades en materia de illado de fiestras, melloras de accesibilidade ou fechado parcial de patios e a construción dunha nova Escola de Educación Infantil para cubrir as necesidades da veciñanza. Aparte das emendas de ámbito estritamente local, o BNG tamén presentou emendas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor por un total de 6,5M€, que supoñerían un beneficio colectivo tamén para a veciñanza de Baiona pero tamén foron rexeitadas polo PP. “Unha vez máis, como xa é habitual, o PP nunca acepta as propostas de investir en Baiona”, lamentan os nacionalistas.