Valmiemprega guía a escolares de Vincios pola parroquia de Chandebrito

O Obradoiro de Emprego Valmiemprega III realizou este luns unha visita guiada co CEIP Serra-Vincios pola parroquia de Chandebrito. En total eran 40 rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria que se achegaron a este fermoso recanto para coñecer os seus importantes recursos.

O itinerario comezou nas inmediacións do castro de Chandebrito, onde se lles dou a benvida, e seguidamente percorreuse parte da ruta sinalizada visitando importantes elementos etnográficos entre os que destacan o senlleiro muíño das Chans, e a presa da Lapela.

Fíxose un momento de reflexión no Bosque da Memoria, en lembranza aos incendios acontecidos neste lugar, e observouse as repoboacións forestais de diferentes especies autóctonas que alí plantaron diferentes colectivos. Seguidamente subiuse ata o Castro para que observaran a marabillosa contorna e tiveran información sobre el e a cultura Castrexa.

Ao remate da volta ao castro, unha veciña do lugar, Olivia Pérez, amosoulles aos rapaces un dos muíños do Requeiro que aínda está en funcionamento, e os cativos puideron observar todas as partes das que se compón e como era a actividade da moenda antano.

Rematou o itinerario coa visita ao Petróglifo do Rabete, importante pegada da arqueoloxía de Chandebrito. O grupo amosou gran interese no itinerario realizado, xa que combina diferentes recursos do patrimonio como natureza, etnografía e arqueoloxía.