Sin categoría

Nigrán obtén luz verde ao plan de sostibilidade ambiental do PXOM

O Concello de Nigrán está xa oficialmente “autorizado” para poder aprobar provisionalmente o PXOM. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu onte esta porta ao notificar oficialmente que o plan é “ambientalmente viable” tras ter estudado durante os pasados meses a devandita memoria de sostibilidade. A resolución será tamén publicada no DOG. Atrás quedan 10 anos (2013-2023) para conseguir a totalidade dos 26 informes sectoriais favorables, sendo especialmente traballoso o da Axencia Galega de Infraestruturas ao ter eliminado este goberno o viario que tronchaba Nigrán desde A Xunqueira ata Saiáns ou ter equilibrado a desigualdade urbanística entre a costa e as parroquias.

“É a mellor noticia posible para pechar o ano, agora si que podemos garantir que no 2024 Nigrán será un dos poucos municipios de Galicia en contar cun PXOM aprobado”, sinala o alcalde, Juan González, quen considera a actual realidade un “fito histórico” tras anos de traballo, reunións técnicas e políticas. “Isto é o froito da cautela e o consenso entre as dúas administracións implicadas, Xunta e Concello, para non vender promesas nin fume, e aquí temos o resultado”. Agora, tras ter presentado en todas as parroquias o PXOM, telo pendurado na web municipal e a disposición da veciñanza en Urbanismo e convocar o Consello Sectorial o mes pasado, o equipo redactor corrixirá os erros detectados e o refundirá nun único listo para levalo a Pleno cara a súa Aprobación Provisional. Igualmente, antes xa da Aprobación Definitiva (paso final) a Consellería de Medio Ambiente sinala que se deben introducir correccións concretas no documento como facer referencia á píllara das dunas no seu hábitat ou escribir os códigos de identificación en determinados planos ou actualizar o documento conforme ao novo plan hidrolóxico. “Trataremos de levalo a Aprobación Provisional no primeiro semestre de 2024 pero sen que as présas condicionen a solvencia absoluta do documento, se agardamos polo PXOM 23 anos non podemos comprometer agora a súa minuciosidade e garantía”.

Tal e como a propia notificación recolle, a superficie que destina o PXOM ao sistema xeral de espazos libres ou zonas verdes é de 403.186 m² dos cales 181.384 m2 corresponden a superficie que se prevé obter; a equipamentos destínanse 277.034 m² (44.416 m2 serían novos); non se contemplan novas áreas empresariais e a capacidade residencial é de 5.758 novas vivendas das que se podería derivar unha oferta real de 3.988 (cifra que coincidiría practicamente coa demanda previsible de cara ao horizonte 2039).

“Teremos un PXOM fiel ao noso lema ‘Nigrán, equilibrio natural’. Con este documento protexemos o noso patrimonio natural apostando por un crecemento sostible que preserve a nosa esencia ao tempo que se lle outorga á veciñanza unha garantía de futuro”, sinala González, quen indica que se traballou moito para corrixir totalmente a discriminación social e ambiental exposta no 2008 e que supuña “o sobredesenvolvemento urbanístico na costa fronte as grandes limitacións nas parroquias do interior”.

Máis dunha década de traballo

A finais de 2010 o Concello de Nigrán impulsou definitivamente a tramitación do PXOM co obxectivo de dar relevo ás normas subsidiarias de planeamento que rexen desde 1991 e que foron modificadas puntualmente, a derradeira delas hai 3 anos por este goberno. Nesta fase de exposición pública do “Avance do PXOM” a cidadanía formulou 405 suxestións. A continuación, a aprobación inicial produciuse o 14 de xuño de 2013 e no seu trámite de información pública durante o prazo de 2 meses recolléronse 1.397 alegacións respondidas unha a unha. “Desde 2013 a 2023 o traballo non cesou en absoluto, todo o contrario. Non chegamos a este momento da nada”, explica González.