Sin categoría

Nigrán acolle unha Gala Solidaria a favor de Galiclown

O Concello de Nigrán colabora este venres 22 de decembro co Centro Cultural de Baíña e o Grupo Ardelume na organización da Gala Solidaria a favor de Galiclown desde as 18:30 horas no Auditorio Municipal. Na mesma terá lugar a actuación do grupo xuvenil Music Bros e haberá pandereteiras e baile do Colexio Atlántida e de Danzarte e Cova Stars.

Galiclown é unha ONG de “pallasos de hospital” formada por 30 voluntarios e voluntarias de diferentes campos artísticos que visitan a nenos hospitalizados no Hospital Álvaro Cunqueiro para tratar de paliar as súas doenzas creando ilusións e liberando tensión mediante a maxia, o humor, contacontos…

“Estamos encantados de poder ofrecer o noso Auditorio e colaborar na organización dunha gala a favor de Galiclown, o seu traballo con nenos no hospital é especialmente emocionante e necesario, por iso nos enorgullecemos de poder acoller esta gala”, explica o alcalde, Juan González.